subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Marisco, polbo e porco protagonizarán as dúas últimas xornadas do concurso de tapas de Oroso.


As degustacións gratuítas terán lugar en 16 locais, en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.

O marisco, o porco e, unha vez máis, o polbo serán os tres grandes protagonistas das tapas a concurso nas dúas últimas xornadas do IV Concurso de Tapas de Oroso. Durante este sábado e domingo, dezaseis establecementos hostaleiros elaborarán unha tapa especial, tradicional ou creativa, que entregarán de balde a cada cliente con cada consumición. Unhas degustacións que terán lugar este sábado e domingo en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.

O marisco serán o protagonista de cinco tapas, todas elas mañá sábado: croquetas de marisco, coquillas de marisco, mexillóns en salsa, mexillón ao forno e gulas con gambas. Pola súa banda, as tapas con polbo concentraranse na xornada do domingo: polbo con cachelos, montadiño de polbo, polbo con ameixas á mariñeira e polbo á galega. Finalmente, os amantes da carne poderán degustar varias tapas con carne de porco: solombo de porco con cogomelos, piquillo e alioli; lombo de porco con piña ou solombo de porco ao Martan. Canda eles, todos os que se acheguen por Oroso esta fin de semana poderán disfrutar tamén dunha deliciosa selección de tapas tradicionais: callos, caldo de repolo ou champiñóns.

A decisión do Concello de Oroso de editar un boletín informativo que detalla que tapa se pode degustar cada día en cada un dos 16 establecementos participantes está a facer que os visitantes elixan previamente os pinchos que queren degustar e non vaian ás cegas aos locais. Isto fixo que a participación durante a pasada fin de semana, a pesar de ser moi semellante á de edicións anteriores, fose percibida de xeito moi diferente por cada un dos establecementos participantes. Algúns víronse practicamente desbordados mentres outros dicían que había unha participación menor.

Premios para os clientes

No devandito boletín informativo tamén vai incluída a folla de votación, que cada cliente deberá encher para votar pola súa tapa favorita. Para poder votar, esa folla de votación deberá contar cun mínimo de 6 selos de 6 locais diferentes. Para poder participar no sorteo de agasallos, o cliente deberá probar 9 tapas doutros tantos establecementos, coa salvedade de que cando menos 2 deberán ser de locais non emprazados en Sigüeiro.

Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar o voto. Os premios aos que optarán os clientes serán: unha fin de semana para dúas persoas en réxime de pensión completa non hotel balneario Compostela (cortesía de ACES), dous premios de dúas entradas para Termaria-Casa da Auga na Coruña, dúas ceas para dúas persoas, un bono de beleza dobre en Sanmar Estilismo (Sigüeiro) e botellas de viño agasallo da empresa LAN.

Os 16 establecementos participantes son: Cervexería O Xesto, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, X Que No?, Bar Tapas, Pizzería Hassan, Hostal Mirás, Mesón Tambre, O Rodeo, Restaurante Cortés, Nova Xeira e Tapería O´Matán, todos eles de Sigüeiro. Ademais, tamén concursarán o Bar O Zapateiro (de Senra), o Bar Viúda de Blanco (Senra), o Bar Stop (Oroso) e o Restaurante Liñares (Vilacide-Oroso). Estes locais optarán a un premio de 300 euros, máis diploma acreditativo outorgado polo Concello de Oroso.

O gañador coñecerase a finais durante a semana que vén, cando todos os participantes sexan convocados ao reconto dos votos e ao sorteo dos agasallos. En todo caso, a entrega de premios terá lugar nun acto posterior.