subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O polbo e o polo serán os dous grandes protagonistas da primeira fin de semana do IV Concurso de Tapas de Oroso.


As degustacións gratuítas que terán lugar en 16 locais, en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.

O polbo e o polo serán os dous grandes protagonistas da primeira fin de semana do IV Concurso de Tapas de Oroso, que este ano conta coa participación de dezaseis establecementos. Uns locais que elaborarán estes días unha tapa especial, ben ao xeito tradicional ou ben de xeito creativo, que ofrecerán de balde a cada cliente con cada consumición. Unhas degustacións que terán lugar en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.

O molusco cefalópodo será o protagonista de, cando menos cinco tapas, polo que os visitantes poderán degustalo en caldeirada, con zamburiñas ao albariño, con grelos, con cogomelos á galega ou á vinagreta. Os fans do polo poderán atopalo á barbacoa, ao albaricoque ou nun kebab con arroz. Canda eles figuran tapas tradicionais como empanada,pinchos morunos, montadiños de solombo, patacas recheas, pementos recheos, callos ou pizza; así como creacións novidosas como langostino crocante en salsa tártara, luras con revolto en salsa verde, arepitas recheas, cazola de chipiróns ao Pelaio, raxo picante con patacas ou envoltura de xamón e queixo.

Premios para os clientes

Unha vez degustada a tapa, os clientes recibirán un boletín de votación que deberá encher coa súa tapa favorita e selar no propio local. Para que o seu voto sexa válido, deberá contar con 6 selos diferentes, que demostren que probou as tapas de, cando menos, 6 establecementos distintos. Para participar no sorteo de agasallos, o cliente deberá probar 9 tapas doutros tantos establecementos, coa salvedade de que cando menos 2 deberán ser de locais non emprazados en Sigüeiro.

Cada establecemento disporá dunha urna selada na que os clientes poderán depositar o voto. Os premios aos que optarán os clientes serán: unha fin de semana para dúas persoas en réxime de pensión completa non hotel balneario Compostela (cortesía de ACES), dous premios de dúas entradas para Termaria-Casa da Auga na Coruña, dúas ceas para dúas persoas, un bono de beleza dobre en Sanmar Estilismo (Sigüeiro) e botellas de viño agasallo da empresa LAN.

Os 16 establecementos participantes son: Cervexería O Xesto, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, X Que No?, Bar Tapas, Pizzería Hassan, Hostal Mirás, Mesón Tambre, O Rodeo, Restaurante Cortés, Nova Xeira e Tapería O´Matán, todos eles de Sigüeiro. Ademais, tamén concursarán o Bar O Zapateiro (de Senra), o Bar Viúda de Blanco (Senra), o Bar Stop (Oroso) e o Restaurante Liñares (Vilacide-Oroso). Estes locais optarán a un premio de 30 euros, máis diploma acreditativo outorgado polo Concello de Oroso.

ACCEDER A INFORMACIÓN DO CONCURSO