subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso inicia esta fin de semana a terceira edición do seu Concurso de Tapas de Oroso, que conta con 19 establecementos participantes.


Con cada consumición, o cliente recibirá unha tapa que poderá valorar para participar no sorteo dunha estancia para dúas persoas nun hotel-balneario e vales de desconto nos comercios de Sigüeiro.

Empanada de bacallau con grelos, blinis de queixo de cabra con cogomelo e mazá, champiñóns recheos, emperador ao azafrán, lamprea con arroz, pementos recheos, moegas de polo... son algunhas das tapas que se poderán esta fin de semana en Oroso durante a celebración da terceira edición do Concurso de Tapas, que conta este ano coa participación de 19 establecementos. Durante esta fin de semana, cada establecemento elaborará unha tapa, tradicional ou creativa, que será entregada de balde ao cliente con cada consumición. As degustacións terán lugar este sábado, en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 21:30 horas; e domingo, de 12:00 a 15:00 horas.

Os clientes que se acheguen polos establecementos participantes, poderán recoller un boletín no que elixirán a súa tapa favorita. Para que o seu voto sexa contabilizado, deberá recoller 9 selos que demostren que catou as tapas de, cando menos, 9 establecementos distintos durante esta fin de semana e os próximos 21 e 22 de abril. Ademais, cando menos 3 deses selos deberán pertencer a locais non ubicados en Sigüeiro.

Boletín de tapas

A gran novidade deste ano é que o Concello de Oroso editou un pequeno folleto informativo no que, ademais que incluirse o boletín para a votación da mellor tapa, inclué tamén as propostas de cada un dos participantes para cada un dos catro días que durará esta terceira edición do Concurso de Tapas de Oroso. Deste xeito, o cliente pode escoller previamente a tapa que desexa probar de acordo cos seus gustos e votar pola súa preferida nas urnas seladas que poderán atopar en cada establecemento participante.

Ao igual que o ano pasado, o premio será unha fin de semana para dúas persoas en réxime de pensión completa nun hotel balneario. A maiores, este ano tamén haberá máis premiados, grazas á colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sigüeiro (ACES) e a adega LAN. Así, entre todos os participantes sortearanse vales desconto no comercio de Sigüeiro e botellas de viño LAN.

Establecementos participantes

Os 19 establecementos participantes son: Cervexería O Xesto, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, X Que No?, Bar Tapas, Pizzeria Hassan, Pulpería Carballal, Hostal Mirás, Mesón Tambre, O Rodeo e Restaurante Cortés, todos eles de Sigüeiro. Ademais, tamén concursarán o Bar O Zapateiro (de Senra), o Restaurante Viuda de Blanco (Senra), o Bar Stop (Oroso), o Restaurante Liñares (Vilacide-Oroso), o Restaurante Lar Blanco (Gándara), A Falmega (Gándara), Bar Fernández (Vilarromariz) e Nova Xeira (LG. Sigüeiro).

Estes dezanove locais optarán a un premio de 150 euros, máis diploma acreditativo como gañador do concurso, outorgado polo Concello de Oroso. Un galardón que nas dúas edicións anteriores recaeu na Adega O Ribeiro. Na edición de 2011 degustáronse máis de 2.000 tapas en Oroso, unha cifra extraída das 218 persoas que participaron no concurso, aínda que os propios hostaleiros confirmaron que foi moito maior, xa que foron moitos máis os que acudiron a tomar as tapas pero non quixeron participar no sorteo.