subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Belén Vivente dos meniños/as da gardería municipal da Ulloa abre este venres o programa de Nadal do Concello de Oroso.


O Belén abrirase ao público ás 18:00 horas e a representación terá lugar durante pouco máis de media hora.

Os meniños e meniñas da escola infantil da Ulloa representarán este venres 15 de decembro o seu Belén Vivente, que este ano chega á súa decimoquinta edición. Unha representación que terá lugar ás 18:00 horas no auditorio do centro cultural de Sigüeiro (Oroso) e que servirá para abrir o programa de actividades de Nadal 2016 do Concello de Oroso.

Durante esta semana, as mestras da escola infantil da Ulloa estiveron ultimando a actuación, na que participarán uns corenta pequenos e pequenas, menores de tres anos, e que irán vestidos de pastores, anxos, ovellas, lavandeiras... O Belén Vivente da Ulloa dará o pistoletazo de saída a un amplo programa de actividades de Nadal, case todas de balde, que o Concello de Oroso ten preparadas e que van dirixidas a todos os gustos e idades.

A seguinte actividade será o Festival dos nenos e nenas do Centro Rural Agrupado, que terá lugar o xoves 21 de decembro no centro cultural de Sigüeiro durante toda a mañá. Unha actuación na que recibirán a visita dos Paxes Reais para recoller as cartas dos nenos e nenas do CRA e que tamén se desprazarán ata as garderías Trastes, A Ulloa e Chousa Nova, así como ao Fogar Residencial Porto Avieira.

Un día despois, o venres 22, será a quenda do xa tradicional Concerto de Nadal da ESMU José Verea. Será ás 19:00 horas no centro cultural de Sigüeiro. Durante esa xornada, entre as 11:00 e as 20:00 horas, as rúas Xuncal e Río Lengüelle (Sigüeiro) terá lugar un Mercado de Artesanía de Nadal. Ademais dun Obradoiro de Nadal para os máis cativos, todas as compras desa xornada nos establecementos asociados a Sigüeiro Vende conseguirán un vale para un chocolate quente.

Excursión e actuacións

Tras o Nadal, o martes 26 de decembro está prevista unha excursión a Oleiros a desfrutar dunha xornada de patinaxe sobre xeo e birlos; así como un obradoiro de decoración de Nadal para maiores de 5 anos. En ambos casos, as inscricións deberán facerse no centro cultural ata o día 20 de decembro.

As actuacións para un público familiar encherán o centro cultural de Sigüeiro durante os dous seguintes días. Monicreques Trompicallo porá en escena “Violeta Coletas e as Salchichas Glub!”; mentres que O Retrete de Dorian Grey representará “Rúa Aire” o xoves 28. Ambas actuacións terán lugar ás 18:30 horas. O venres 29, ás 20:00 horas, terá lugar o tradicional Concerto de Panxoliñas, no que colaboran os distintos grupos musicais do municipio e que porá o punto e final ás actuacións culturais de 2017.

O 2018 entrará con maxia en Oroso, pois o mércores 3 de xaneiro, ás 18:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá a actuación do mago Dani Polo co espectáculo “I+D+d (Ilusión más diversión más imaginación)”. A Gran Cabalgata de Reis porá o 5 de xaneiro o broche de ouro ao Programa de Nadal do Concello de Oroso. A saída está prevista ás 18:00 horas do CEIP Camiño Inglés e incluirá un percorrido polas rúas de Sigüeiro, recepción na Casa do Concello e gran fecha no pavillón de deportes con caramelos e inchables para todos/as.