subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Unha trintena de nenos e nenas de Oroso participa nos actos do Día Internacional da Biblioteca.


orosoUnha trintena de nenos e nenas participou na tarde de onte martes nas actividades organizadas polo Concello de Oroso para conmemorar o Día Internacional da Biblioteca. Unha celebración que tivo lugar no salón de actos do centro cultural de Sigüeiro, que desta vez colocou todas as súas cadeiras no perímetro da sala para acomodo dos familiares mentres que os nenos e nenas participaban de xeito moi activo no espectáculo “Picadiscos”, de Mari Faltri.

Esta artista de Urdime Propostas Culturais propúxolles aos pequenos e pequenas de Oroso unha selección de coñecidos temas de música infantil en galego que non deixaron de bailar, cantar e mesmo acompañar con algún instrumento. Unha divertida sesión na que tamén se animaron a participar moitos pais e nais presentes.

A próxima actividade dirixida a un público familiar terá lugar este domingo 29 de outubro coa actuación de monicreques de Fantoches de Baj, que porá en escena o espectáculo “Os golfiños e o xigante”. Será no centro cultural de Sigüeiro, ás 18:00 horas, e a entrada é totalmente libre e de balde.