subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Jorge del Oro Aragunde presenta en Oroso o seu segundo libro, “Fresas para Kalíope”, unha recompilación de 25 contos curtos.


O concelleiro de Cultura amosa a súa satisfacción por que “día a día descubrimos veciños e veciñas que se dedican á arte”.

orosoO centro cultural de Sigüeiro acolleu esta fin se semana a presentación do libro “Fresas para Kalíope”, segundo título de Jorge del Oro Aragunde, veciño de Oroso. O autor foi presentado polo concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, quen salientou que “Oroso fai unha aposta importante pola cultura e, día a día, descubrimos veciños e veciñas que se dedican á arte, como Jorge, que pinta e escribe”.

Luís Rey apuntou que “nesta sala fomos descubrindo moitos destes artistas que viven entre nós e moitas veces sen que o saibamos” e adiantou que “nas próximas semanas teremos tamén a presentación do primeiro libro doutro veciño que descoñecíamos que se dedicaba a escribir”. Sobre o libro de Jorge del Oro salientou que “é un traballo inmenso, tanto de escritura como de ilustracións”.

Historias curtas

Pola súa banda, Jorge del Oro Aragunde explicou que “Fresas para Kalíope” é “unha obra que recolle unha serie de historias curtas que naceron como mestura da casualidade e da necesidade”. Neste sentido, puntualizou que “cando estas historias naceron, publiqueinas no Facebook. Á xente empezáronlle a gustar e, o que empezou sendo un simple exercicio de escritura, rematou nun libro. Decidín ilustralo e acabei facendo unha ilustración por conto. E fixen autopublicación en Amazon, que é onde está á venda”.

O autor explicou que o libro “é unha obra que non ten unha estrutura canónica. Ten unha parte superficial moi accesible pero está cargada de simbolismo”, cunha estrutura narrativa semellante a unha obra de teatro: o diálogo do escritor coa súa musa, Kalíope.

Jorge del Oro Aragunde (Vilagarcía, 1975) é licenciado en Bioloxía Molecular pero con fondas inquedanzas artísticas, onde se dedica principalmente á literatura e á ilustración. “Fresas para Kalíope” é o seu segundo libro publicado, logo da primeira entrega da súa triloxía “Nana para dormir a un lobo” e pequenas colaboracións en antoloxías de relato curto e prensa.