Oroso promociona este sábado a súa Festa da Troita en Portugal.
Ofrecerá unha degustación de troita no Distrito de Coímbra, no marco dunha feira de municipios á que acode como Concello convidado.
Nesta iniciativa de promoción turística, a troita combinarase con produtos da gastronomía lusa.
O Concello de Oroso promocionará este sábado, 12 de agosto, a súa Festa da Troita en Portugal. Será no marco dunha feira de municipios que se celebra no distrito de Coímbra, á que Oroso acode como Concello convidado. Unha delegación municipal, encabezada polo alcalde, Manuel Mirás, asistirá a esta iniciativa.
A actividade promoverá o atractivo gastronómico de Oroso, no que a troita é a principal baza. Por iso, ofrecerase aos visitantes deste evento unha degustación de troitas coa preparación máis tradicional, a mesma que se pode atopar cada mes de maio na Festa da Troita en Sigüeiro.
A troita compartirá así espazo con diversas elaboracións da gastronomía local lusa, como diversos doces e a chanfana, un prato que se cociña en cazola de barro en forno de leña e que incorpora carne de cabra, carne de porco, allo, salsa e viño tinto.
O Concello de Oroso promociona a Festa da Troita ao longo do ano como reclamo turístico en numerosos foros. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de abril ofreceu un showcooking con troitas na feira organizada en Betanzos para promocionar o Camiño Inglés cos distintos Concellos polos que discorre esta ruta peregrina.