subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Nuno Costa e Belén Bascoy gañan con autoridade a V Carreira Pedestre Concello de Oroso, na que participaron máis de 400 atletas.


orosoOs atletas Nuno Costa (Club Deportivo San Paio de A Estrada) e Belén Bascoy Cao (Canicross Vigo) gañaron con autoridade a V Carreira Pedestre Concello de Oroso, desputada na tarde do sábado nun circuíto de 10 quilómetros polo municipio orosán. Unha carreira na que tomaron parte 407 atletas, 123 adultos e 284 nenos/as, e que estivo marcada polo frío e o forte vento, pero na que non choveu en ningún momento, o que permitiu que todas as probas se desenvolvesen con total normalidade.

Nuno Costa impúxose na proba xeral absoluta cun tempo de 31 minutos e 41 segundos, sacándolle máis de medio minuto ao segundo clasificado, Diego Paz Sobreira (Club Triathlon Santiago) que fixo unha marca de 33:11. Completou o podio outro atleta do Club Triathlon Santiago, Roberto Barral Noya, cun tempo de 33 minutos e 52 segundos. Dáse a circunstancia de que os tres primeiros clasificados fixeron mellor tempo ca o gañador da edición anterior.

Na categoría feminina, a vitoria foi para Belén Bascoy Cao, que entrou no posto 51 da xeral cun tempo de 41 minutos e 26 segundos. O segundo posto foi para Shaila M. Muñíz Pérez (Noitebra) cun tempo de 43 minutos e 42 segundos. Completou o podio María Tarrío Martínez (Club Deportivo Vagalume Energía) cun tempo de 45 minutos e 25 segundos. Podes consultar todas as clasificacións neste enlace: http://bit.ly/2psGtKQ.

Esta carreira forma parte do Circuíto de Carreiras Populares “Deputación da Coruña” e é a segunda que se disputa este ano. Unha proba organizada polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, Supermercados Familia, Equip@-T e a Federación Galega de Atletismo.

Nas categorías infantís participaron un total de 284 rapaces e rapazas, que este ano estiveron acompañados pola mascota do Concello de Oroso: Troi, que fixo as delicias dos máis pequenos durante toda a xornada. Os premios foron entregados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acompañado polos concelleiros/as de Deportes, Luís Rey; Turismo, Antonio Leira; Comercio, Vanesa Boo; Ensino, Beatriz Rodeiro; Obras, Eduardo Veiras; e Muller, Mari Carmen Liste.