subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Homenaxe ás mulleres da agraria no Concello de Oroso


orosoO Concello de Oroso uniuse onte aos actos reivindicativos polo Día Internacional da Muller, con diferentes iniciativas ao longo da xornada e unha homenaxe ás mulleres da agraria.

Pola mañá, houbo concentracións nos centros escolares en prol da igualdade e representacións teatrais, mentres que pola tarde o Concello fixo entrega dos premios do concurso de fotografía 'Muller Traballadora' e dunha placa conmemorativa á pintora Hortensia Ramos.

No acto central da xornada, celebrado na Casa da Cultura, o Concello de Oroso quixo render homenaxe ás mulleres da agraria en activo, xubiladas ou ás que nalgún momento da súa vida se dedicaron ás tarefas agrarias.

A concelleira de Muller de Oroso, María del Carmen Liste, amosou a súa satisfacción polo acto, “que pretende recoñecer o duro traballo e o esforzo diario dunhas mulleres que son o sustento dos seus fogares, hoxe é un día moi emotivo, levábamos moito tempo con gañas de facer esta homenaxe”.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, uniuse aos eloxios “polo papel que estas mulleres fixeron e siguen facendo no rural, sacando adiante ás súas familias e aportando valor ao entorno no que viven”.

Coas actividades de onte, o Concello de Oroso pretendeu facer visible as realidades que a día de hoxe seguen a colocar ás mulleres en contextos de desigualdade real, a pesares dos avances experimentados en materia de igualdade de xénero co desenvolvemento de distintas disposicións legais.