subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso en negro


orosoCon motivo da conmemoración do Día Internacional de Loita Contra a Violencia ás Mulleres, o Concello de Oroso súmase por segundo ano consecutivo á campaña 'En Negro Contra As Violencias'.

Trátase dunha acción colectiva de sensibillización social contra as violencias machistas na que participan cen concellos galegos e tres deputacións provinciais. Esta participación implica un compromiso político e técnico para espallar a acción e mobilizar a poboación para tinguir de negro as rúas.

En concreto, os obxectivos desta campaña son “fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas”.

As actividades organizadas polo Concello de Oroso abranguen desde o 19 ao 25 de novembro. Os actos centrais, o venres día 23, inclúen unha obra de teatro, un peche do comercio local durante unha hora, a lectura do manifesto e a representación da canción ‘O respecto para cando’, polo alumnado do IES Oroso na Alameda de Gois.

A concelleira de Muller de Oroso, María del Carmen Liste, agradece “a gran implicación do comercio e de moitos outros colectivos” e apoia “un pacto social e político real contra as violencias machistas, un pacto no que os concellos temos moito que dicir”.

Liste participou o pasado luns en Santiago no acto de sinatura da campaña por parte de todos os concellos que forman parte da mesma.