subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso volve dicir non á violencia machista.


A praza Isaac Díaz Pardo acollerá este venres 25, ás 11:00 horas, a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero e o despregue dun gran lazo violeta.

orosoCo gallo da conmemoración este venres do Día de Loita contra a Violencia de Xénero, a Concellería da Muller está desenvolvendo unha serie de actividades contra esta lacra social, que abordará dende diferentes ámbitos pero con especial énfase na educación en igualdade dos nosos nenos e nenas. Así, os rapaces e rapazas do IES Oroso están a participar dende outubro no Programa IgualaR3, organizado polo Centro de Información á Muller e financiado pola Deputación da Coruña. Trátase de sesións informativas e obradoiros de sensibilización que tratan materias como a igualdade de xénero, bo trato, relacións igualitarias, prevención de violencia de xénero...

O alumnado de toda a comarca participará nun concurso de carteis contra as violencias machistas, cuxo gañador será a imaxe dunha campaña sobre a violencia contra a muller que poderemos ver en carteis e chapas nos bares e cafeterías da comarca e uns calendarios no centro de saúde e no Departamento de Servizos Sociais. Ademais, durante os catro primeiros mércores de novembro no polideportivo Juanito Amigo acolleu unha exitosa iniciativa que repite por terceiro ano consecutivo: o Curso de Defensa Persoal para Mulleres.

A maiores, o Concello de Oroso ten programada unha actividade especial para este venres 25 de novembro, dirixida a 230 nenos e nenas dos dous colexios de Oroso e que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro. Trátase dunha sesión teatral denominada “Irina bailarina”, na que se desenvolve o tema da violencia machista. Ás 11:00 horas, todos os rapaces desprazaranse ata a Praza Isaac Díaz Pardo onde a concelleira da Muller, María del Carmen Liste, dará lectura a un manifesto oficial contra a violencia de xénero e se despregará un gran lazo violeta. En caso de choiva, o acto tería lugar no centro cultural.

Diptico Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.