subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

124 nenos e nenas dos CEIP Sigüeiro e Oroso conmemoran o Día Internacional da Muller cunha sesión de teatro infantil.


orosoUn total de 124 nenos e nenas dos CEIP de Sigüeiro e do CEIP de Oroso encheron esta mañá o auditorio do centro cultural Fernando Casas e Novoa para asistiren a dúas sesións de teatro infantil, “Somos Iguais” programadas polo Concello de Oroso para conmemorar o Día Internacional da Muller. Dúas sesións que contaron coa presenza da concelleira da Muller, María del Carmen Liste, quen lembrou que “a pesares dos logros alcanzados, a igualdade non é de todo efectiva, aínda existen desequilibrios, tal como evidencian anualmente as estatísticas e os estudos sobre a ocupación laboral, a realidade salarial, as diversas formas de explotación e violencia, e as sobrecargas sociais e familiares que aínda hoxe lastran o desenvolvemento persoal e social das mulleres”.

Liste Raña apuntou que “é preciso que sigamos traballando pola igualdade e a emancipación das mulleres, porque a democracia ten como piar a igualdade, a xustiza e a equidade. A Administración pública debe poñer en marcha políticas que xeren benestar social e a plena participación de todas as persoas no eido público e privado, fomentando que as mulleres acaden as cotas de desenvolvemento persoal e profesional desexado. O cambio é unha responsabilidade individual e colectiva”.

Para este venres 11 de marzo, ás 19:00 horas, queda o acto de entrega dos premios do VI Concurso de Fotografía “Muller Traballadora”, que terá lugar no centro cultural de Sigüeiro. Un acto que contará cunha actuación musical a cargo do alumnado da Aula de Música de Oroso. A entrada é totalmente libre e de balde.