subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O centro cultural de Sigüeiro acolle ata o 20 de marzo a mostra coas 25 imaxes participantes no V Concurso de Fotografía Muller Traballadora.


A concelleira da Muller entregou os premios do certame aos orosáns Cristian Blanco e José Luís Antelo, e ao amiense Fernando Román.

orosoPreto dun cento de veciños e veciñas de Oroso participou na entrega de premios e inauguración da exposición do V Concurso de Fotografía Muller Traballadora, que tivo lugar na noite deste venres no centro cultural de Sigüeiro. Un acto que estivo presidido pola concelleira de Muller, María del Carmen Liste Raña, e ao que asistiu o resto de concelleiros do grupo de Goberno, encabezados polo alcalde Manuel Mirás.

Liste Raña agradeceu a asistencia de tantas persoas a este acto, destacando a importancia de facer este tipo de conmemoracións de cara a seguir avanzando na igualdade de xénero. Así mesmo, fixo fincapé en que “o importante é traballar cos nenos, tanto na casa como na escola, pois eles son o futuro”. Neste sentido lembrou que durante a mañá se realizaron proxeccións de curtametraxes sobre a muller co alumnado do IES Oroso e dos CEIP Sigüeiro e CEIP Oroso.

Gañadores

A concelleira da Muller agradeceu a gran participación acadada nesta edición que, aínda que igualou o récord de 38 imaxes presentadas o ano pasado, finalmente só se admitiron 25 fotografías a concurso xa que as outras incumprían as bases do certame. Por segundo ano consecutivo, o cadro de honra foi completamente masculino. De feito, tan só catro mulleres inscribiron o seu nome entre os premiados deste certame nestes cinco anos e tan só unha, Ana Vanessa Gende na primeira edición, conseguiu gañalo.

O gañador dos 250 euros do primeiro premio foi Cristian Blanco Mosquera, de Oroso, pola súa obra “Lembranza”, unha instantánea dunha velliña costureira en pleno traballo. O segundo premio foi para José Luís Antelo Míguez, veciño de Sigüeiro, que levou 150 euros pola súa “Muller feirante”. Completou o podio o amiense Fernando Román Areán, premiado con 100 euros por “Romana”, un primeiro plano das mans dunha muller traballando. As tres imaxes, canda outras 22 instantáneas, poderanse visitar ata o próximo 20 de marzo na sala de exposicións do centro cultural Fernando Casas e Novoa.