subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Unha vintena de veciños e veciñas participa no primeiro "Martes saudables cos maiores", organizado polo Concello de Oroso.


As charlas e obradoiros gratuítos para a terceira idade orosá terán lugar todos os primeiros martes de cada mes.

orosoUnha vintena de veciños e veciñas de Oroso participaron na tarde de onte martes na primeira edición dos “Martes saudables cos maiores”, unha iniciativa que pon en marcha o Concello de Oroso para achegar á terceira idade municipio temas relacionados directamente co coidado da súa saúde. Así, durante algo máis de dúas horas, estes veciños e veciñas de Oroso participaron nun obradoiro de coidado a persoas dependentes no que aprenderon técnicas de alimentación ou de administración de medicamentos, consellos sobre planificación de menús...

O concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira, explica que “estamos moi satisfeitos co aproveitamento que os nosos maiores fan destes cursos e charlas, pois neste obradoiro non só recibiron consellos prácticos e sinxelos para mellorar a atención aos dependentes, senón que tamén comprenderon a importancia do coidado do propio coidador, para que a súa saúde non se resinta”. Por iso, o Concello de Oroso estableceu que os “Martes Saudables cos maiores” teñan carácter mensual e se celebren todos os primeiros martes de cada mes, en horario de 17:00 a 19:00 horas, no local da Terceira Idade de Sigüeiro (rúa do Campo). A participación nestas actividades é totalmente gratuíta, se ben por cuestións de organización é preciso anotarse previamente nos Servizos Sociais de Oroso ou chamando ao 981 688 950.