subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso conmemora o Día da Muller por partida dobre: coa entrega de premios dos concursos de fotografía e redacción e cunha xornada formativa.


O Concello de Oroso abre a inscrición no obradoiro gratuíto sobre o traballo e o seu efecto na saúde das mulleres, que terá lugar o mércores 12 de marzo.

O Concello de Oroso conmemorará o Día da Muller por partida dobre. A concelleira de Muller e Igualdade, María del Carmen Liste Raña, inaugurará mañá venres 7 de marzo, ás 19:30 horas, unha exposición no centro cultural de Sigüeiro coas imaxes participantes no IV Concurso de Fotografía “Muller Traballadora”, cuxos premios serán entregados tamén nese mesmo acto. O xurado entregará tres premios: de 250, 150 e 100 euros, respectivamente.

Así mesmo, Liste Raña fará entrega tamén dos premios aos gañadores do I Concurso de Relatos “Olla para min”, convocado polo Concello de Oroso para implicar aos máis novos na conmemoración do Día da Muller e no que participaron rapaces e rapazas de 6º de Primaria. Os gañadores darán lectura aos seus textos, que estarán relacionados co esforzo e coa participación das mulleres na construción e o crecemento da sociedade, onde as diferenzas sexan un valor engadido e as desigualdades por razón de sexo desaparezan. Os gañadores levarán un lote de libros.

Xornada sobre o traballo e a saúde

Por outra banda, o Concello de Oroso organiza tamén un obradoiro práctico-formativo chamado “A influencia da situación persoal e laboral na saúde das mulleres”, que terá lugar o próximo mércores 12 de marzo, ás 19:30 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Un obradoiro de asistencia gratuíta, se ben é preciso anotarse antes das 13:30 horas do propio mércores 12 de marzo nos Servizos Sociais de Oroso ou no 981 688 950.

A xornada será impartirá pola Asociación de Profesionais da Saúde de Cerceda, que explicará que as condicións de traballo están estreitamente relacionadas coas desigualdades de xénero e co estado de saúde das mulleres. Unhas desigualdades de xénero que limitan as oportunidades das mulleres en múltiples ámbitos da súa vida (laboral, familiar, educativo,etc.) e isto incide directamente na súa saúde. Unha saúde que está afectada pola segregación laboral, polas responsabilidades familiares, pola dobre xornada, etc.