subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso e os concellos portugueses de Arganil, Góis, Oliveira do Hospital e Tábua poñen en marcha unha campaña transnacional contra a violencia de xénero.


A iniciativa presentarase este domingo 17 de novembro e estenderase ata o 6 de decembro.

A campaña conta coa colaboración das entidades e clubs deportivos dos 5 municipios, que lucirán lazos contra a violencia durante as súas actividades.

orosoO Concello de Oroso vai desenvolver entre o 17 de novembro e o 6 de decembro unha campaña transnacional contra a violencia de xénero en colaboración co seu concello irmandado de Góis (Portugal) que, a través da Associaçao de Desenvolvimento Integrado da Beira Serra (ADIBER*), implicará tamén a outros tres municipios portugueses: Arganil, Oliveira do Hospital e Tábua, todos eles do distrito de Coimbra. Trátase dunha campaña de sensibilización dirixida á poboación en xeral, e de xeito particular aos homes, sobre a necesaria repulsa da violencia coas que estes cinco municipios queren conmemorar o 25 de novembro, “Día Internacional contra a violencia de xénero” en España e “Día Internacional para a eliminación de todas as formas de violencia” en Portugal.

Esta iniciativa consta de dúas actividades principais: a campaña dos lazos e un seminario preventivo sobre violencia doméstica. O material realizado para a “Campaña dos lazos” (pegatinas, lazos e unha pancarta) simbolizan o compromiso contra a violencia de xénero dos cinco Concellos participantes: a cor lila representa a Oroso e a cor branca representa aos municipios portugueses, xa que aló o lazo de repulsa á violencia é branco (e non lila coma en España). Estas pegatinas e lazos repartiranse entre os veciños e veciñas de Oroso, especialmente entre os alumnos e alumnas dos distintos centros educativos.

Implicación do deporte

A “Campaña dos Lazos” contará tamén coa implicación das distintas entidades deportivas do concello de Oroso. “Comezaremos este domingo 17 de novembro cunha entrega de pegatinas e lazos aos clubs de fútbol, coincidindo co partido do Sigüeiro FC, e durante os días seguintes iranse unindo os demais clubs deportivos de Oroso, que lucirán estas pegatinas contra a violencia de xénero nas súas competicións e adestramentos ata o 6 de decembro”, explica o concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde. O acto terá lugar ás 15:30 horas no campo de fútbol Lino Balado (Sigüeiro) e terá lugar durante a entrega de premios aos xogadores categorías inferiores do Xuventude Oroso polos éxitos acadados durante a pasada temporada e xusto antes do partido do Sigüeiro FC.

“Esta distribución supón, en si mesma, unha actividade de sensibilización, xa que buscamos implicar activamente na loita contra a violencia e a desigualdade ás persoas asociadas a estes clubs, que na súa maioría son homes”, engade a concelleira de Muller e Igualdade, Mari Carmen Liste, quen indica que “consideramos que comezar durante a entrega de premios aos futbolistas das distintas categorías do Xuventude Oroso é moi axeitado, pois non só asistirán os rapaces senón tamén as súas familias e moitos veciños”.

Durante a celebración destes actos estará presente unha gran pancarta cos lemas: “25N Día Internacional contra a violencia de xénero” e “25N Día Internacional para a Eliminaçao de todas as formas de Violência”. Unha pancarta que presidirá as distintas competicións deportivas que se celebren en Oroso ata o vindeiro 6 de decembro e que o resto do tempo estará na fachada do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.

Seminario

A segunda actividade organizada polo Concello de Oroso e o ADIBER é un seminario titulado “Violencia doméstica: medios e prevención”, que terá lugar por videoconferencia o 25 de novembro, de 15:30 a 17.30 horas. Unha actividade na que participarán representantes políticos e persoal dos Servizos Sociais do Concello de Oroso e dos catro municipios portugueses, así como representantes do Centro de Información (CIM) á Muller da Mancomunidade de Ordes e de ADIBER. “Abordaremos diferentes aspectos sobre a violencia, os recursos existentes en cada zona e intercambiaremos experiencias”, explica María del Carmen Liste.

Educación

A maiores, o Concello de Oroso participa tamén no Programa Igualar, posto en marcha pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. “Trátase en certo modo dunha ampliación á comarca de Ordes dunha iniciativa que tivo moito éxito en Oroso como foi o programa Abre os Ollos”, indica o concelleiro de Ensino, Antonio Leira. Este programa inclúe un ciclo de xornadas para os rapaces de 1º a 4º da ESO, un acto de conmemoración do 25 de novembro e unha exposición itinerante.

Antonio Leira explica que “con este programa queremos seguir formando criticamente aos mozos e mozas de Oroso para que se desenvolvan e se relacionen sen prexuízos sexistas, sensibilizándoos contra a violencia de xénero e fomentando as relacións igualitarias entre os alumnos”. Un programa que se levará a cabo nos sete municipios da comarca de Ordes e que en Oroso terá lugar no IES Oroso entre o 14 e o 22 de novembro.

Cada curso da ESO recibirá dúas sesións, con temáticas adaptadas ás súas idades: habilidades sociais cun transfundo igualitario (1º ESO), igualdade de xénero (2º ESO), violencia de xénero (3º ESO) e o bo trato e as relacións igualitarias (4º ESO). Ademais, o 25 de novembro o IES Oroso acollerá a lectura dun manifesto pola igualdade e contra a violencia de xénero. O traballo realizado nas aulas e o propio acto do 25 de Novembro quedará recollido nunha exposición itinerante que visitará os sete concellos da comarca e que se poderá consultar tamén no blog: http://programaigualar.blogspot.com.es/

ADIBER

*ADIBER (Associaçao de Desenvolvimento Integrado da Beira Serra) é unha asociación de desenvolvemento local e sen fins lucrativos con sede en Góis e cuxa rexión de intervención integra 4 municipios: Arganil, Góis, Oliveira do Hospital e Tábua. Encárgase de dinamizar varios proxectos e, dende 2003, promove accións relacionadas coa temática da igualdade de xénero e a igualdade de oportunidades na rexión de Beira Serra. Un ámbito no que xurdiu o proxecto “Expandir máis oportunidades”, apoiado pola Comissao para a Cidadania e Igualdade do Género (CIG)

Entre o 25 de novembro (“Día Internacional para a eliminación de todas as formas de violencia”) ata o 6 de decembro organizan a “Semana da Igualdade na Beira Serra”, durante a cal realizan varias actividades en todos os municipios: fórums, conferencias, workshops, exposicións...