subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O concello de oroso organizará dúas accións a prol da igualdade e en contra da violencia de xénero nos meses de outubro e novembro.


“Abre os ollos” inclúe un programa educativo dirixido a rapaces e rapazas, entre 11 e 14 anos, para sensibilizalos na igualdade entre homes e mulleres e previr a violencia de xénero.

O Concello de Oroso fará tamén unha campaña para toda a poboación en colaboración cos establecementos comerciais do municipio.

orosoO Concello de Oroso vai desenvolver durante os meses de outubro e novembro dúas iniciativas a prol da igualdade entre homes e mulleres e en contra da violencia de xénero. Baixo a denominación “Abre os ollos”, desenvolveranse unha serie de obradoiros formativos dirixidos a alumnado de entre 11 e 14 anos de idade, así como unha campaña divulgativa en contra da violencia de xénero, que se fará en colaboración cos comerciantes do municipio.

Unhas actividades que están financiadas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, e que serán organizadas polo Concello de Oroso, en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Municipios de Ordes. Así mesmo, “Abre os ollos” contará coa colaboración do profesorado e a dirección do CEIP de Sigüeiro e do IES Oroso, dos comerciantes do municipio e das distintas asociacións orosás.

Accións no IES e no CEIP

A concelleira de muller e igualdade, María del Carmen Liste, explica que “con estas actividades damos continuidade a un proxecto que xurdiu en 2008 e que resultou unha experiencia moi positiva e da que comezamos a ver os froitos. Un exemplo foi o concurso de fotografía en igualdade que fixemos o ano pasado, no que participaron moitos dos rapaces e rapazas que estaban no instituto cando naceu Abre os ollos”. De feito, Liste Raña recorda que “o propio nome da campaña, Abre os ollos, foi elixido polo propio alumnado como unha mensaxe que nos mandaron a toda a sociedade de Oroso”.

“Abre os ollos” desenvolverase durante os meses de outubro e novembro mediante 6 sesións no IES Oroso, nas que participarán catro grupos de 1º e 2º da ESO, e 8 sesións no CEIP de Sigüeiro, dirixidas aos tres grupos de 6º de Primaria. Un programa educativo para abordar o estudo da igualdade de oportunidades e a violencia de xénero a través da sensibilización e da prevención. As sesións seguirán a mesma metodoloxía:

- identificación de actitudes, crenzas e estereotipos que contribúan á desigualdade entre homes e mulleres

- recoñecemento destas tanto a nivel interno (nas propias ideas, actitudes e comportamentos) como externo (na familia, na escola, nos medios de comunicación...)

- eliminación e reciclaxe desas actitudes, crenzas e estereotipos por novas ideas e opinións



En total, impartiranse 8 obradoiros diferentes sobre educación en valores, a identidade de xénero en relación á identidade (persoal, social e cultural), os roles tradicionais de xénero, a resolución de conflitos, a discriminación na linguaxe, as relacións entre mulleres e homes, a discriminación nos medios de comunicación e a violencia de xénero. Ademais, María del Carmen Liste destaca que “este ano tamén daremos a coñecer todo o seu traballo ao resto de veciños e veciñas, non só a través da elaboración dunha guía que recolla todo o seu traballo nas clases, senón tamén cunha sección dentro da páxina web do Concello de Oroso”.

Así mesmo, a concelleira de muller e igualdade de Oroso agradece especialmente “a colaboración e a boa aceptación que este programa tivo tanto na dirección como entre os profesionais do colexio e do instituto, que incluso sacaron tempo de onde non o había porque son conscientes do beneficioso que son estas accións para os nenos e nenas, pois para conseguir unha verdadeira igualdade entre homes e mulleres hai que facer especial fincapé na educación”.

Campaña cos comerciantes

Paralelamente ás actividades educativas, “Abre os ollos” incluirá este ano unha segunda fase dirixida ao resto da poboación. Grazas ao financiamento da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, o Concello de Oroso vai repartir unhas bolsas da compra reutilizables entre os distintos establecementos comerciais do municipio, que serán entregadas aos clientes o venres 23 e o sábado 24 de novembro en troques da bolsa habitual de cada establecemento. O concelleiro de ensino e benestar, Antonio Leira, explica que “desta vez decidimos levar tamén a campaña aos comerciantes para que nos axuden a concienciar a todos os veciños e veciñas que acabar coa desigualdade de xénero e coa violencia contra as mulleres é unha tarefa que nos implica e nos toca a todos e todas”.

Para iso escolléronse estes días para realizar esta acción, xa que é véspera da conmemoración internacional do Día contra a Violencia de Xénero, e por ser un día habitual de compras familiares. Un día que coincidirá tamén coa feira, polo que se rexistra un maior número de compradores polas rúas do municipio. “É unha cuestión de concienciación, prevención e educación de todos e todas nós. Ninguén pode xustificar os malos tratos, nin físicos nin psicolóxicos. E, como vén dicían os nosos nenos e nenas, temos que abrir os ollos a esta realidade para poder cambiala”, sinala Leira Piñeiro.

Así mesmo, esta campaña incluirá tamén a celebración dun acto conmemorativo do Día contra a Violencia de Xénero no que se distribuirán lazos de cor lila (como símbolo da sensibilización contra a violencia e de apoio ás vítimas) e a instalación dun “Espazo libre de violencia”, de información e asesoramento sobre a igualdade de oportunidades e a non violencia. Un acto no que os visitantes terán á súa disposición un manifesto contra a violencia de xénero, que poderán ler e asinar. Todas as actividades do programa “Abre os Ollos” estarán organizadas e coordinadas polo Concello de Oroso e serán financiadas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Para o seu desenvolvemento, o Concello de Oroso contará coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Centro de Información á Muller, do profesorado e dirección do CEIP de Sigüeiro e do IES Oroso, dos comerciantes de Oroso e das distintas asociacións do municipio.