subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Veciños de Penateixa debaten sobre os roles sociais e a desigualdade de xénero existente na sociedade actual.


Alertan sobre un reforzamento dos roles sociais entre os adolescentes de hoxe en día e da importancia de inculcar a igualdade dende a educación máis temprana.

oroso“O proceso de socialización dos nosos fillos segue enviando claras mensaxes de que a función da muller nesta vida é a casa, que é o seu espazo natural. A un neno regalámoslle coches, balóns. A unha nena bonecas, cociñas”. Deste xeito explicaba a axente de igualdade do Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes, Marta Souto, que a desigualdade entre homes e mulleres está moi arraigada na nosa sociedade actual.

Unha afirmación realizada na noite de onte no local social de Gándara (Oroso) diante dunha ducia de veciñas e veciños que participaron nunha xornada divulgativa sobre “Igualdade entre homes e mulleres”, organizada pola Asociación de Veciños de Penateixa, o Concello de Oroso e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Durante case dúas horas, os presentes analizaron diversas formas de desigualdade de xénero presentes na nosa propia linguaxe, na publicidade que nos chega a través dos medios de comunicación e no seu entorno máis próximo.

Corresponsabilidade

Marta Souto explicou que, aínda que se ten avanzado moito, “por cada hora que a muller traballa fóra da casa, o home só aumenta o seu traballo dentro do fogar en 5 minutos”. Ademais, sinalou que “mentres a muller segue a ter a responsabilidade na crianza dos fillos, os homes adoitan por participar só naqueles aspectos máis lúdicos, como xogar cos cativos ou levalos de paseo”.

Uns aspectos que foron corroborados polos presentes, que explicaron e contrastaron as súas vivenzas persoais. De todos modos, a concelleira da Muller de Oroso, Mari Carmen Liste, comentou que “hai motivos para a esperanza, pois vese en moitas parellas xóvenes, nos que ambos traballan fora, que os rapaces tamén traballan na casa e o que non aprenderon das súas nais o están aprendendo da súa parella”. Aspecto que tamén confirmou o concelleiro de Familia e Asuntos Sociais orosán, Antonio Leira.

Sen embargo, Marta Souto chamou tamén a atención sobre os adolescentes de hoxe en día, onde volven estar moi marcadas as diferencias de xénero e amosou a súa preocupación polo feito de que moitas mozas estean asumido un rol pasivo e dependente fronte aos mozos. Por iso destacou que dende a Mancomunidade de Ordes se están a realizar distintos programas de igualdade de xénero nos distintos centros educativos dos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), “pois é na educación dos cativos onde temos que traballar, tanto dende a escola como dende o fogar”.

Violencia de xénero, o 25 de abril

O vindeiro mércores 25 de abril, ás 20:30 horas, terá lugar a segunda xornada divulgativa, adicada nesta ocasión á “Prevención da violencia de xénero”. Marta Souto explicou que “a violencia de xénero é a forma máis salvaxe de desigualdade de xénero, polo que temos que educar aos nosos nenos en igualdade para previr estas cousas”. Ademais, adiantou que “así como estamos concienciados nos casos das vítimas do terrorismo, non temos conciencia social sobre a violencia de xénero. Se vemos que entran a roubar na casa do veciño, chamamos á Policía. Se vemos que o home lle está a pegar á súa muller, pensamos que é algo da casa onde non hai que meterse”.