subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso e Obra Social “La Caixa” colaboran na prevención da exclusión social na mocidade a través do programa Aleida-Oroso.


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e a directora da oficina de “La Caixa” en Sigüeiro, Ana Patricia Rodríguez Botana, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a Obra Social “La Caixa”, a través de Igaxes3 (Instituto Galego de Xestión do Terceiro Sector), achegará 6.000 euros para o desenvolvemento do programa Aleida-Oroso, unha iniciativa de prevención da exclusión social na poboación xuvenil que se levará a cabo no IES de Oroso. Unha actuación da que se beneficiarán os máis de 200 alumnos e alumnas escolarizados no instituto orosán.

O programa Aleida-Oroso xurde da experiencia do Instituto Galego de Xestión do Terceiro Sector (Igaxes3) no traballo coa xuventude en institutos de educación secundaria en municipios da contorna, nos cales puido constatar as dificultades para a inserción social e laboral da poboación xuvenil con fracaso escolar e riscos sociais. Por iso, o obxectivo principal do programa é loitar contra o fracaso escolar e a conflitividade persoal e social.

Manuel Mirás explica que “temos que agradecerlle á Obra Social de La Caixa a súa colaboración na posta en marcha un ano máis do programa Aleida-Oroso, que ten o propósito de previr situacións de risco ou exclusión social que inciden no fracaso escolar dos nosos mozos e mozas, polo que as súas actuacións se axustan ás necesidades e características de cada alumno ou alumna”. Por iso, o programa vai máis aló do ámbito académico e moitas das súas actuacións inclúen tamén traballo coas familias e fóra do centro educativo. Unhas intervencións que se poden facer a dous niveis: en grupo ou a nivel individual.