subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste máis de 33.000 euros en melloras na gardería da Ulloa.


Substitúe os antigos xogos e mellora o aillamento térmico da gardería.

orosoO Concello de Oroso está a investir máis de 33.000 euros en dúas actuacións de mellora da gardería municipal da Ulloa, que se centran na substitución dos antigos xogos infantís e no aillamento térmico da instalación. Uns traballos que foron visitados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e a concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, e que estarán rematados nos próximos días.

Beatriz Rodeiro explica que “melloraremos as condicións de aillamento térmico da gardería, ao tempo que aproveitamos para facer varios arranxos no interior e cambiar a área de xogos, que dotaremos de novos equipos que substituirán aos actuais, que se atopan algo deteriorados polo seu uso”.

As obras que se están a realizar na gardería da Ulloa consisten no revestimento térmico da fachada lateral dereita, que presentaba problemas de humidades. Así mesmo, os traballos tamén inclúen a instalación dun novo peche de malla, o arranxo e adaptación de varias portas interiores, a instalación dun novo pasamanos, a colocación dun novo detector de lumes e o pintado da carpintería interior.

No que atinxe á área de xogos, o Concello de Oroso vai instalar cinco novas instalacións no patio exterior da gardería da Ulloa: unha casita con coche, unha casita con semáforo, o Concello, un muro activo e unha fachada de rede. Trátase duns xogos adaptados á idades dos pequenos e pequenas e que buscan estimular a súa imaxinación e mobilidade.