subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Medio cento de nenos e nenas do CEIP do Camiño Inglés “inauguran” o camiño escolar seguro “Caraocole”


A iniciativa foi organizada polo Concello de Oroso, o CEIP do Camiño Inglés e a ANPA Carboeiro, coa colaboración de Protección Civil e a Policía Local.

O Concello sinalizou o camiño, estableceu puntos de encontro e repartiu chalecos reflectantes entre os pequenos, que terán 4 puntos de apoio grazas á colaboración do sector comercial e hostaleiro orosán.

orosoPreto de medio centenar de nenos e nenas de Oroso participaron esta mañá na posta en marcha do proxecto “Caraocole”, unha iniciativa de educación viaria posta en marcha polo Concello de Oroso, o CEIP do Camiño Inglés e a ANPA Carboeiro que busca que o alumnado poida acudir ao colexio de forma autónoma e con total seguridade. Unha iniciativa que conta coa colaboración de Protección Civil de Oroso e da Policía Local de Oroso, que velará pola seguridade dos cativos.

O feito de que fose a primeira camiñata, unido á choiva que os acompañou durante todo o traxecto, fixo que os pequenos estiveran hoxe moi acompañados. En primeiro lugar, polos concelleiros de Ensino, Beatriz Rodeiro, e Seguridade Viaria, Antonio Leira, que repartiron chalecos reflectantes coa mascota do “Caraocole” entre todos os nenos e nenas. Ademais, tamén participou nesta primeira camiñata o director do CEIP do Camiño Inglés, Francisco Ávila, varios integrantes da ANPA Carboeiro e unha ducia de pais e nais.

A andaina comezou puntual ás 8:45 horas, no inicio da rúa do Portiño, onde está enclavado un dos catro “Puntos de Econtro” sinalizados polo Concello de Oroso. Os pequenos camiñaron polas beirarrúas seguindo uns distintivos de “Caraocole” colocados no chan e que lles marcaban o camiño a seguir. Á 8:55 chegaron ao segundo punto de encontro, tamén la rúa Portiño e próximos á N-550, onde os estaban agardando persoal de Protección Civil e da Policía Local de Oroso para facilitar o cruzamento seguro da avenida de Compostela.

Os seguintes “Puntos de Encontro” estaban situados no inicio da rúa Xuncal (9:00 horas) e diante da Aula da Xuventude (9:05 horas) que, como todos os anteriores, coinciden con lugares onde os pequenos poden esperar a cuberto da chuvia. Despois, os pequenos atravesaron o parque do Carboeiro, lonxe de calquera estrada, ata chegar ao CEIP do Camiño Inglés.

A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, amosouse moi satisfeita por esta primeira experiencia xa que “aínda que hoxe foron moitos os pais e nais que nos acompañaron, o obxectivo do proxecto é que os nenos e nenas poidan facer gran parte do camiño pola súa conta, coa colaboración dalgún adulto e a axuda de Protección Civil e da Policía Local en puntos delicados do traxecto como cruzar a avenida de Compostela. Deste xeito, tamén contribuímos a fomentar a súa autonomía e confianza”.

Puntos de apoio

Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade Viaria, Antonio Leira, destacou o traballo realizado dende a dirección do CEIP Camiño Inglés e da ANPA Carboeiro para a posta en marcha deste camiño escolar seguro. Ademais de agradecer a colaboración dos membros de Protección Civil e da Policía Local orosá, Leira Piñeiro tamén destacou “a colaboración ofrecida polo sector comercial e hostaleiro de Sigüeiro, que permitirá establecer puntos de apoio aos que poderán recurrir os nenos en caso de calquera necesidade”.

Inicialmente, hoxe quedaron instalados catro “puntos de apoio”: a Farmacia Dolores Sánchez, o Café Bar Sigüeiro, O Café de Manuela e o propio Concello de Oroso. En caso de calquera incidencia, os pequenos poderán pedir a colaboración deste establecementos, que comunicarán de inmediato a incidencia á dirección do CEIP do Camiño Inglés.