subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O centro cultural de Sigüeiro acollerá este sábado 30 de xaneiro un encontro de familias de afectados pola síndrome de Asperger.


Organizado polo Concello de Oroso e ASPERGA, cuxa psicóloga Verónica Santiso atenderá as consultas dos pais e nais.

O centro cultural de Sigüeiro acollerá este sábado 30 de xaneiro, de 10:00 a 12:30 horas, un Encontro de familias de afectados pola síndrome de Asperger. Organizado pola Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome de Asperger (ASPERGA), en colaboración co Concello de Oroso, trátase dunha iniciativa na que se ofrece información e apoio para os familiares de persoas con esta síndrome.

A participación nesta iniciativa está aberta de xeito gratuito a todas as familias de Oroso e de municipios da contorna, se ben é preciso anotarse previamente no teléfono 615 402 026 ou no mail santiago@asperga.org. Ademais, haberá unha actividade paralela para o coidado de menores (neste caso por un prezo de dous euros para compra de material).

Consultas coa psicóloga

Durante dúas horas e media Verónica Santiso, psicóloga de ASPERGA, atenderá as consultas das familias e dará continuidade a unha iniciativa iniciada o pasado mes de novembro para ofrecer ás familias da contorna de Compostela unha alternativa a desprazarse ata A Coruña ou Vigo. O apoio ás familias de persoas diagnosticadas con síndrome de Asperger é esencial para poder abordar de xeito integral as dificultades ás que se enfrontan no seu día a día.

Con estes encontros de familias, ASPERGA busca un dobre obxectivo: informar ás familias no manexo de problemáticas usualmente presentes e compartir experiencias. Por iso, durante as xornadas as familias traballan diferentes habilidades, recursos e fortalezas que axuden a diminuír o estrés persoal e contribuir así á mellora da calidade da vida familiar. O contido dos encontros depende das preocupacións reais das familias asistentes ao obradoiro, de forma que se poden achegar solucións prácticas.