subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición para o Summer Camp 2015.


Destinada a cativos de 3 a 12 anos, inclúe actividades lúdicas de todo tipo que se impartirán en inglés entre os meses de xuño e setembro.

orosoO Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición para o Summer Camp 2015, que desenvolverá en colaboración con Escuela con Talento. Trátase dun programa de conciliación familiar no que os rapaces de 3 a 12 anos poderán ocupar o seu lecer estival ao tempo que aprenden a lingua de Shakespeare. Actividades lúdicas, xogos, manualidades, saídas urbanas ou técnicas de comunicación son só algunhas das iniciativas que se prevén desenvolver durante os meses de verán.

O Summer Camp establece un total de seis quendas, permitindo que o neno/a participe en todas ou en varias delas. O Concello de Oroso propón dous horarios para cubrir as necesidades de conciliación familiar e laboral: de 07.30 a 15.30 horas ou ben de 09.00 a 14.00 horas, aínda que existe a posibilidade de establecer outros horarios se así o deciden as familias participantes.

No tocante aos prezos, para participar nas actividades das dúas quendas de oito días (do 22 ao 30 de xuño e do 1 ao 9 de setembro), as cotas son de 50 € e 35 euros, dependendo do horario solicitado. No caso dos meses de xullo e agosto, cada quincena ten un prezo de 65 euros (entre as 07.30 e as 15.30 horas) e de 45 euros (de 09.00 a 14.00 horas). Existe tamén a posibilidade de solicitar días soltos, cun abono de 8 ou 6 euros por cada xornada. A maiores, tamén se ofertan os servizos complementarios coma os de almorzo (2 €/día), xantar (5 €/día) e merenda (3 €/día).

O Concello de Oroso establece descontos dun 20% no prezo do Summer Camp para familias numerosas e para o segundo irmán. Para participar neste programa cómpre formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural Casas e Novoa (Sigüeiro) ou ben chamando ao teléfono 981 690 903. Tamén se poden facer as reservas de praza na Escuela Con Talento, presencialmente ou a través dos teléfonos 881 981 905/981 690 944.

Descargar formulario de inscrición