subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

As obras do novo audiorio municipal de Oroso avanzan a moi bo ritmo e estarán rematadas a final de ano


orosoAs obras do novo auditorio municipal do Concello de Oroso avanzan a moi bo ritmo, polo que o grupo de goberno local asegura que estarán rematadas a final de ano.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras, Luis Rey, supervisaron esta mañá os traballos de construción do auditorio, que terá unha capacidade para 200 persoas.

O proxecto consta de dúas fases, unha delas para construír o auditorio no espazo que ocupaba a sala de usos múltiples, e unha segunda para instalar a sala de usos múltiples na planta baixa do centro cultural, además de ampliarse a Biblioteca Municipal. O investimento total nos traballos será de 519.653 euros.

Para o grupo de goberno socialista, a cultura sempre foi unha prioridade, tal e como reflicte o seu amplio programa de actividades e a masiva asistencia de veciños e veciñas ás obras de teatro ou ás actuacións musicais.

“O ensino e a cultura son fundamentais para as novas xeracións, o auditorio é un proxecto emblemático para o noso grupo de goberno, as obras avanzan según os prazos previstos e pronto haberá espectáculos no novo edificio”, afirma Mirás.

Unha vez terminadas as obras, procederase ademais á dotación de equipamentos para a Biblioteca Municipal de Oroso, en parte con fondos propios e tamén con financiamento do Agader.

“Será unha biblioteca intelixente, cun dispositivo de acceso mediante recoñecemento ou pegada dixital, non sendo posible o acceso de persoas que non estivesen previamente recoñecidas”, explica o alcalde de Oroso.

Todas as mesas da biblioteca estarán dotadas dun ordenador con pantalla instalada na propia mesa e un teclado dixital protexido, unas instalacións con tecnoloxía de última xeración e vixiadas por cámaras para garantir a seguridade dos usuarios as 24 horas do día.