subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste 12.000 euros en mellorar a seguridade viaria nas parroquias.


O alcalde Manuel Mirás anuncia que nuns días achegaranse outros 30.000 € para a mellora da sinalización vertical e horizontal en Sigüeiro.

orosoO Concello de Oroso vén de investir máis de 12.000 euros na mellora da seguridade viaria nas parroquias do municipio a través dunha primeira fase do seu plan de mellora da sinalización horizontal e vertical no municipio. “Acometemos distintas actuacións en varios puntos do municipio como a colocación de redutores de velocidade nas proximidades do CPI do Camiño Inglés ou a renovación da sinalización horizontal e vertical na estrada que une Os Carballos con Folgoso por Deixebre”, explica o alcalde, Manuel Mirás.

Entre as actuacións acometidas nesta primeira fase figuran a substitución dalgunhas sinais deterioradas, o repintado da sinalización horizontal, a colocación dalgunhas bandas redutoras de velocidade e mesmo a instalación de sinais luminosos e varios sinais de “stop” en distintas localidades, como Vilar de Arriba.

Actuacións en Sigüeiro

Por outra banda, o Concello de Oroso está a licitar nestes días a segunda fase deste plan de mellora da sinalización horizontal e vertical, neste caso centrado na capital municipal: Sigüeiro. Un proxecto que prevé a recolocación de sinais verticais e o repintado de sinais horizontais en practicamente todas as rúas da localidade: avenida da Grabanxa, rúa do Deporte, rúa Camiño Inglés, rúa do Concello, rúa do Campo, Praza Isaac Díaz Pardo, avenida de Compostela, rúa Travesa, praza Alexandre Bóveda, rúa do Mediodía, rúa do Portiño, rúa Ourense, rúa Álvaro Cunqueiro, rúa Honda e Rúa Carracide. Así mesmo, está prevista unha actuación especial en Porto Avieira (Gándara).

Unhas obras que contan cun orzamento de 30.000 euros e un prazo de execución de 2 meses, polo que deberían estar rematadas antes de que finalice o 2017.