subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso conclúe a urbanización do acceso á gardería da Chousa Nova.


O alcalde, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, visitaron as obras, nas que o Concello inviste 106.000 euros.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras e Servizos, Eduardo Veiras, comprobaron o remate das obras de urbanización do vial de acceso á escola infantil da Chousa Nova (Sigüeiro), que entrará en servizo o vindeiro mes de setembro. Mirás asegura que “desde o Concello cumprimos plenamente o compromiso adquirido coa Consellería de Traballo e Benestar de ter estas obras acabadas a mediados de agosto, con tempo suficiente para que o curso comece con total normalidade”.

O Concello investiu 106.043 euros nestes traballos, que consistiron en habilitar as infraestruturas necesarias para acceder á escola infantil desde a avenida da Grabanxa, na estrada provincial CP-3801, cunha beirarrúa, zona de aparcadoiro e espazo para circular. Ademais da preparación do terreo e a dotación do firme con aglomerado en quente, o Concello tamén se encargou das conexións do novo edificio cos servizos de subministración de auga, gas e electricidade.

Nos vindeiros días, en canto volva o tempo soleado e o asfalto estea enxoito, procederase a pintar a sinalización horizontal no acceso, incluíndo as marcas para delimitar os espazos reservados para estacionar os vehículos. E tamén se instalarán varios puntos de luz ao longo de toda a beirarrúa. Serán as derradeiras accións para o remate definitivo do proxecto.

O concelleiro de Obras e Servizos, Eduardo Veiras, afirma que “desde o Concello sempre planificamos que a nova escola infantil conte con accesos amplos e seguros, e por iso distribuímos a zona cunha beirarrúa ancha, unha zona de aparcadoiro ben dimensionada e un vial de circulación ben organizado”. O proxecto acometido dá resposta a todas estas premisas.

A nova escola infantil ten tres unidades, cun total de 41 prazas de 0 a 3 anos e complementa á gardería da Ulloa, que dispón de 61 prazas. O alcalde de Oroso explica que, ademais deste proxecto de 106.000 euros para os accesos, o Concello ofreceu a parcela e investiu 164.000 euros na construción do edificio, dos 450.000 euros que custou en total. O resto da financiación para o edificio foi achegada polas administracións autonómica e estatal.