subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás inaugura o parque infantil da área fluvial do Paseo do Carboeiro (Sigüeiro).


A remodelación da área infantil máis grande de Oroso supuxo un investimento de 50.000 euros, cofinanciados polo Concello e pola Deputación.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, inaugurou esta mañá o parque infantil da área fluvial do Paseo do Carboeiro (Sigüeiro), a área infantil máis grande do municipio que foi totalmente remodelada nos últimos 3 meses. Unha remodelación que supuxo un investimento de 50.000 euros, financiados polo Concello de Oroso e a Deputación da Coruña.

Manuel Mirás destacou que “coa este renovado parque infantil, o Concello de Oroso segue traballando na súa decidida aposta por incrementar e mellorar este tipo de instalacións no municipio, pois somos conscientes do gran número de cativos que temos no municipio e queremos que teñan os mellores espazos para xogar”. Por iso, as obras substituíron o anterior pavimento de area do parque por outro de caucho continuo na zona de xogos, un material especialmente deseñado para mellorar a seguridade dos pequenos.

O resto do parque infantil conta con pavimento tennisquick, especialmente ideado para o seu uso ao aire libre, xa que se trata dun material poroso, resistente aos cambios bruscos de temperatura e que non supón gastos de mantemento. A maiores, o Concello de Oroso instalou xogos novos, renovou algúns dos antigos e colocou uns bancos na zona, que poderán ser empregados polos familiares que acompañen aos pequenos ás instalacións, deseñadas para nenos de entre 3 e 10 anos.

Durante o acto de inauguración, Manuel Mirás estivo acompañado por responsables de Norjapi, empresa ordense adxudicataria das obras, así como polos concelleiros de Familia, María del Carmen Liste, e Relacións Veciñais, Luís Rey. O do Paseo do Carboeiro é o terceiro parque infantil que puxo en marcha o Concello de Oroso ao longo de 2013. O primeiro instalouse a carón da escola unitaria da parroquia de Oroso e o segundo a carón da piscina municipal de Sigüeiro. Dúas instalacións que contan coa mesma dotación: bambán, tobogán e balancín.