O Concello de Oroso inicia a construción dunha nova senda peonil en Trasmonte, na que inviste 85.000 euros.
Trátase da oitava senda peonil que se constrúe en Oroso, nas que se levan investidos 893.000 euros.
A maiores, o Concello investirá outros 9.900 euros en mellorar e ampliar o abastecemento de auga na parroquia de Trasmonte.
O Concello de Oroso inicia a construción dunha nova senda peonil na parroquia de Trasmonte, que permitirá conectar as beirarrúas construídas en 2008 na Estación de Trasmonte coa senda realizada no núcleo de O Castro ao longo da estrada AC-460. Esta será a oitava senda peonil orosá, suporá un investimento de 85.000 euros e acometerase en dúas fases.
A primeira fase, que comezou a executarse esta semana, conta cunha achega de 40.000 euros da Consellería de Presidencia, ao amparo das subvencións para infraestruturas de uso público, e de 10.000 euros de fondos propios do Concello de Oroso. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explica que “foi unha petición que lle realicei hai un mes ao conselleiro Alfonso Rueda durante a súa visita á comarca de Ordes e que nós imos completar cunha segunda fase, que se executará inmediatamente despois da primeira, e na que investiremos 35.000 euros máis procedentes de fondos propios do Concello de Oroso”. A maiores, o Concello de Oroso aproveitará estes traballos para acometer obras de mellora no abastecemento de auga en Trasmonte, nas que investirá 9.900 euros de fondos propios.
Características da senda
A nova senda peonil discorrerá pola marxe esquerda da estrada AC-460 (sentido N-550) e permitirá unir o núcleo da Estación de Oroso co colexio de Trasmonte e coa N-550. As súas características serán idénticas ás das outras sete sendas peonís do municipio: unha senda de dous metros de ancho, cunha base de zahorra artificial compactada e con quince centímetros de formigón.
O alcalde de Oroso destaca que “este tipo de sendas peonís melloran a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas, que dispoñen de lugares por onde camiñar e pasear seguros, e permiten avanzar no noso obxectivo de conectar as parroquias con Sigüeiro por sendas peonís”. Ademais, esta nova senda peonil complementaríase á perfección coa “Vía Verde” que une Santiago, Oroso e Ordes a través do antigo camiño de ferro e cuxa posta en valor foi aprobada na última sesión plenaria do mes de novembro.
Oitava senda peonil
A senda peonil de Trasmonte é a oitava que executa o Concello de Oroso nos últimos catro anos, o que supuxo un investimento de 893.000 euros. As primeiras en executarse no tempo foron as que unen o núcleo de Sigüeiro coa Estación de Vilacide (1,3 quilómetros na marxe dereita da AC-461 que unen o remate das beirarrúas da Estación de Vilacide coa rúa do Portiño) e as sendas no núcleo de O Castro, na parroquia de Trasmonte (de 900 metros de lonxitude ao longo da AC-460).
A colaboración entre o Concello de Oroso e a Deputación permitiu executar dúas sendas peonís na estrada DP-3801 ao seu paso polas parroquias de Vilarromariz e Gándara. A primeira senda discorre entre os puntos quilométricos 1,100 e 2,170 da DP-3801 e conecta Sigüeiro con Porto Avieira; mentres que a segunda senda vai dende o pk. 4.030 ao pk. 5.010, entre o campo de fútbol de Vilarromariz e o seu camposanto, dando tamén servizo aos alumnos do Colexio Rural Agrupado.
A quinta senda executouse no núcleo de Vilar de Arriba, na parroquia de Deixebre, e une os 606 metros que separan o cruce de Os Carballos (na N-550) co núcleo de Vilar de Abaixo. Unhas obras que permitiron reducir a perigosidade no lugar, xa que se trataba dunha zona que en moitas ocasións era invadida por vehículos que circulaban a alta velocidade. A sexta senda peonil do Concello de Oroso permitiu mellorar o acceso á urbanización Porto Avieira, na parroquia de Gándara. Cincocentos metros que enlaza a entrada de Porto Avieira coa senda peonil que conecta con Sigüeiro, xusto á altura do local social da parroquia.
A sétima senda peonil, finalizada en outubro de 2012, foi a do núcleo de Baxoia (Deixebre). Trátase dun camiño dun quilómetro de lonxitude no que se investiron 81.860 euros e que serve de prolongación da senda peonil de Deixebre, aínda que pola outra marxe da estrada.