subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Mirás supervisa o reinicio das obras nas beirarrúas de Senra, orzamentadas en 191.000 euros e paralizadas en 2012 pola quebra da adxudicataria.


Os traballos foron adxudicados a Obras Pavimentos e Instalaciones Industriales SL (OPAIN) e teñen un prazo de execución máximo de 4 meses.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, reuníronse esta mañá con responsables da empresa Obras Pavimentos e Instalaciones Industriales SL (OPAIN), adxudicataria do proxecto para rematar as obras de construción das beirarrúas da parroquia de Senra. “Hoxe estivemos retomando e replanteando a obra de novo. Vendo sobre o terreo o que está feito e o que queda por facer. Agora a empresa comprometeuse a poñerse ao día no que queda de semana para despois coller ritmo de traballo e rematar definitivamente estas obras”, explica Manuel Mirás.

O alcalde orosán agradece “a paciencia que tiveron os veciños e veciñas por todas as molestias que levan sufrido con estas obras e esperamos que os traballos podan rematarse canto antes”. Os traballos teñen un prazo de execución máximo de 4 meses, se ben a propia empresa recoñeceu hoxe que esperan que estean rematados moito antes.

Composición das obras

As obras de terminación da mellora da seguridade viaria na estrada DP-38011 Sigüeiro-San Mauro (Frades), entre os puntos quilométricos 8,04 e 8,9, saíron a licitación o pasado mes de febreiro por un importe de 273.655,43 euros e foron adxudicadas o pasado mes de xuño a Obras Pavimentos e Instalaciones Industriales SL (OPAIN) por un importe de 191.339 euros.

As obras consisten na construción de 1,6 quilómetros de beirarrúas, 800 metros por cada lado da estrada DP-3801 Sigüeiro-San Mauro. O proxecto inclúe tamén a instalación de recollida de pluviais e fecais, así como o soterramento do alumeado público. A Deputación Provincial é a encargada de executar as beirarrúas e, unha vez rematadas, o Concello de Oroso encargarase da súa conservación e mantemento.

Quebra da anterior adxudicataria

Orixinalmente, estas obras foron incluídas na primeira fase do Plan de Travesías 2011 da Deputación da Coruña cun orzamento de 416.469,8 euros. A obra foi adxudicada finalmente á empresa Construcciones Galdiano SA por 282.699,7 euros. Despois de certificar a metade da obra, a empresa entrou en concurso de acredores hai un ano, o que supuxo que as beiravías da estrada estiveran levantados e que os veciños tivesen que circular pola propia estrada. Unhas molestias e inseguridades que se incrementaron durante o inverto. Finalmente, a deputación aprobou un novo plan, que licitou o pasado mes de febreiro.