subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso remata a senda peonil en Baxoia (Deixebre) na que investiu 82.000 euros.


Oroso leva investidos máis de 808.000 euros na posta en marcha de sete sendas peonís no municipio.

orosoO Concello de Oroso vén de rematar a construción da senda peonil no núcleo de Baxoia, na parroquia de Deixebre. Unhas obras nas que se investiron 81.860 euros e que se converten na sétima senda peonil posta en marcha en Oroso, logo das xa executadas en Vilacide, Trasmonte, Deixebre, A Gándara (2) e Vilarromarís.

Unha senda peonil que serve de prolongación da senda peonil de Deixebre, aínda que pola outra marxe da estrada (dereita), xa que o investimento requirido para executar esta senda pola marxe esquerda era moito máis elevado polos traballos que requiría. A nova senda ten unha lonxitude de case un quilómetro, inclúe recollida de pluviais e tamén o espazo preciso para poder levar alumeado público á zona nunha seguinte fase.

As sendas peonís de Baxoia teñen as mesmas características cás outras sendas existentes en Oroso: ancho de dous metros, base de grixo artificial compactado e con 15 centímetros de formigón. As obras supuxeron un investimento de 81.860 euros ao abeiro do Plan de Obras e Servizos 2012, polo que a Deputación achegou 54.388 euros e o Concello de Oroso se fixo cargo dos 27.472 euros restantes.

Sétima senda peonil

A senda peonil de Baxoia é a sétima que se executa no Concello de Oroso nos últimos catro anos, o que supuxo un investimento de 808.000 euros. As primeiras en executarse no tempo foron as que unen o núcleo de Sigüeiro coa Estación de Vilacide, 1,3 quilómetros na marxe dereita da AC-461 que unen o remate das beirarrúas da Estación de Vilacide coa rúa do Portiño (Sigüeiro). Paralelamente realizáronse sendas no núcleo do Castro, na parroquia de Trasmonte, de 900 metros de lonxitude ao longo da AC-460.

A colaboración entre o Concello de Oroso e a Deputación permitiu executar dúas sendas peonís na estrada DP-3801 ao seu paso polas parroquias de Vilarromarís e A Gándara. A primeira senda discorre entre os puntos quilométricos 1,100 e 2,170 da DP-3801 e conecta Sigüeiro con Porto Avieira; mentres que a segunda senda vai dende o pq. 4.030 ao pq. 5.010, entre o campo de fútbol de Vilarromarís e o seu camposanto, dando tamén servizo ao alumnado do Colexio Rural Agrupado.

A quinta senda executouse no núcleo de Vilar de Arriba, na parroquia de Deixebre, e une os 606 metros que separan o cruzamento dos Carballos (na N-550) co núcleo de Vilar de Abaixo. Unhas obras que permitiron reducir a perigosidade no lugar, xa que se trata dunha zona que en moitas ocasións é invadida por vehículos que circulan a alta velocidade. A sexta senda peonil do Concello de Oroso permitiu mellorar o acceso á urbanización Porto Avieira, na parroquia da Gándara. Cincocentos metros que enlazan a entrada de Porto Avieira coa senda peonil que conecta con Sigüeiro, xusto á altura do local social da parroquia.