O Concello de Oroso inicia este luns 2 de xuño o ensanche da estrada principal de acceso aos polígonos de Sigüeiro e Oroso Pequeño.
Manuel Mirás adianta que os traballos durarán un par de semanas e avisa que “en quince días comeza a conta atrás para que a Xunta inicie as obras do novo colexio de Sigüeiro”.
O Concello de Oroso iniciará este luns 2 de xuño as obras de ensanche da estrada principal de acceso aos polígonos industriais de Sigüeiro e Oroso Pequeno, así como ao futuro novo colexio de Oroso. Uns traballos que provocarán importantes cambios na circulación de vehículos por esta zona mentres se desenvolven as obras e que estarán convintemente sinalizados.
Deste xeito, o acceso aos polígonos industriais de Sigüeiro e Oroso só se poderá realizar por unha vía acondicionada provisionalmente e que estará situada a 100 metros da rotonda da N-550 (sentido A Coruña). Un vial provisional que foi acondicionado na xornada do xoves e que será asfaltado na tarde de hoxe venres.
Ademais, aproveitando as vacacións escolares, a saída de vehículos dende os polígonos realizarase pola rúa da Tosca (estrada de acceso ao IES de Sigüeiro) ata enlazar coa Avenida da Grabanxa. Deste xeito, a rúa da Tosca deixará de ser de dobre sentido, para só permitir a circulación de vehículos en dirección á Avenida da Grabanxa.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lamenta as molestias que puideran causar estas obras aos veciños e veciñas do municipio e explica que “esperamos a que comezaran as vacacións escolares para o tráfico de vehículos pesados pola rúa da Tosca non coincidise coas clases no instituto” e adianta que “agardamos que en pouco máis de quince días as obras poidan estar rematadas”.
Unha estrada de 21,5 metros de ancho
As obras de ensanche da estrada de acceso aos polígonos empresariais de Sigüeiro están incluidas dentro do proxecto de urbanización de solo urbanizable Área de Reparto Sector nº 1 “Río Carboeiro 1” Polígono 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Oroso. De feito, son os traballos máis importantes que se realizarán ao abeiro deste plan, xa que inclúen anchear a vía e incrementar un carril a estrada, actualmente de dous carrís.
Deste xeito, o ancho total desta rúa será de 21,5 metros, cun carril de entrada e dous carrís de saída. Ademais, disporá de beirarrúas a ambos lados da calzada e un total de 27 prazas de aparcamento en liña, xusto diante da parcela onde se construirá o novo colexio de Oroso, e outras 44 prazas situadas xusto enfronte (14 en liña e 30 en batería).
Así mesmo, os traballos inclúen unha elevación da cota da estrada, de xeito que a rasante resultante será moito máis suave que a actual, o que facilitará a circulación de vehículos pola zona. Unha elevación para a que se xa se están a utilizar os cascallos que se atopaban depositados a ambos lados do vial e que dende a semana pasada xa foran retirados da parcela na que se ubicará o novo colexio de Sigüeiro.
Conta atrás para o colexio
Manuel Mirás adianta que “nuns quince días, que será cando rematemos estas obras, comeza a conta atrás para que a Xunta inicie as obras de construción do novo colexio de Oroso e estaremos moi atentos ao ritmo que leven eses traballos”. O alcalde orosán lembra que os residuos da construción que se están a utilizar para elevar a cota desta estrada de acceso aos polígonos e ao colexio “non molestaban en absoluto para que as obras de construción do colexio tiveran comezado xa” e recorda que a empresa encargada das obras de urbanización xa retirara a semana pasada os poucos residuos que ficaban na parcela destinada ao colexio (xa que o resto figuraban fóra da devandita parcela, a carón da estrada onde van ser utilizados).
Mirás Franqueira amósase “moi disgustado coa actitude da Consellería de non querer empezar as obras, aínda que a parcela estaba lista e o Concello de Oroso fixo todos os deberes. Pero o que teño claro é que cando rematen estas obras de urbanización xa non haberá excusas ningunhas e empezará para a Xunta a conta atrás definitiva para o novo colexio de Oroso”.
Segundo tramo
Para máis adiante quedan as obras do segundo tramo do vial de entrada aos polígonos industriais de Sigüeiro e Oroso Pequeno. Este tramo contará con dous carrís de circulación, un por cada sentido, e nel ubicarase unha rotonda da que sairá un novo acceso ao polígono. O alcalde Manuel Mirás explica que “esta pequena rotonda permitirá ordenar os tráficos que volvan cara Sigüeiro dende o colexio e tamén dotar ao polígono dun terceiro vial de acceso”. Este tramo de rúa terá un ancho total de 20 metros.
Os traballos que comezan o vindeiro luns 2 de xullo están incluidos dentro do proxecto de urbanización de solo urbanizable Área de Reparto Sector nº 1 “Río Carboeiro 1” Polígono 2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Oroso, que o Concello de Oroso sacou a información pública o pasado mes de marzo. Unha actuación que, en conxunto, permitirá urbanizar un total de 74.161 metros cadrados situados no centro de Sigüeiro, concretamente no triángulo formado pola Alameda de Góis-rotonda da N-550, o vial principal de acceso ao polígono e o propio Río Carboeiro.
Este proxecto, promovido pola Xunta de Compensación Polígono 2 da AR Sector 1 “Río Carboeiro”, ten un orzamento de execución material de 1.365.000 euros e un prazo de obra de 24 meses. O proxecto contempla a construción de redes de alcantarillado, captación de pluviais, abastecemento de auga, rede eléctrica, alumeado público, rede de gas e rede de telecomunicacións, así como o deseño de calzadas, beirarrúas e dotación de mobiliario urbano.