subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso participa nun plan piloto de control dos danos do xabarín na agricultura.


Realizaranse accións de alimentación disuasoria do xabarín no monte, mentres dura a campaña da sementeira do millo, e accións de caza controlada e autorizadas pola Xunta.

orosoO Concello de Oroso vai participar nun plan piloto de control dos danos do xabarín na agricultura e que se desenvolverá durante os meses de maio e xuño nos termos municipais de Oroso e O Pino. Así o acordaron esta mañá o tenente de alcalde, Eduardo Veiras, e o secretario comarcal de Unións Agrarias, Anxo Dono, que concretaron a colaboración do Concello de Oroso ao programa, que consistirá na aportación dunha tonelada de millo para a realización da acción de alimentación disuasoria, un vehículo para transportar o maíz e un traballador de apoio.

Eduardo Veiras explica que “con esta acción pretendemos prevenir os danos dos xabaríns nos campos de millo durante a presente campaña de sementeira, nos meses de maio e de xuño, xa que o ano pasado os nosos agricultores tiveron problemas, especialmente nas beiras do río Tambre e nas parroquias de Cardama, Calvente e Senra”. O programa inclúe o desenvolvemento de dous tipos de accións:

  • Alimentación disuasoria do xabarín no monte mentres dure a campaña da sementeira do millo
  • Accións de caza controlada mediante esperas, autorizadas pola Xunta de Galicia, nas parcelas recén plantadas de millo que sexan atacadas polas manadas.

Anxo Dono sinala que “empezaremos para a semana, buscando rastros de xabarín para saber exactamente o seu territorio e poder así levarlles o millo ata aló, para que así non baixe ata as fincas dos gandeiros da zona. Ademais, tamén faremos accións disuasorias aló polo mes de outubro, cando as mazorcas xa estén maduras”. Por iso, Veiras Rey insta aos agricultores ou gandeiros de Oroso que sufran durante estes días ataques de xabarín nas súas parcelas, se poñan en contacto co Concello de Oroso.

Este plan piloto é unha acción impulsada dende a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e a organización Unións Agrarias, en colaboración cos tecor de Oroso e do Pino e a Asociación de Clubes de Caza Maior de Galicia. Ademais de en Oroso-O Pino, esta acción tamén se levará a cabo nos municipios lucenses de Viveiro e Ribadeo.