subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso saca a licitación o abastecemento de auga en Vilacide de Abaixo e Berdomás e a rede de saneamento entre a Estación de Oroso e a EDAR por 323.269 euros.


As obras teñen un prazo de execución dun ano e permitirán ampliar o abastecemento a máis de trinta vivendas.

orosoO Concello de Oroso saca a licitación as obras para levar o abastecemento de auga aos núcleos rurais de Vilacide de Abaixo e de Berdomás, así como a instalación da rede de saneamento entre o núcleo da Estación de Oroso e a EDAR de Oroso. Unhas obras orzamentadas en 323.268,4 euros e que teñen un prazo de execución de un ano, segundo recolle o Boletín Oficial da Provincia de hoxe luns.

O alcalde en funcións e concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, explica que con estas obras “levaremos a auga potable ata algo máis de trinta vivendas que compoñen os núcleos de Vilacide de Abaixo e Berdomás, ademais de completar os traballos de saneamento feitos na Estación de Oroso, incluindo o bombeo para conectalo coa depuradora”. Así, os traballos incluirán a instalación de algo máis de dous quilómetros de tubería para ampliar a rede de abstecemento de auga potable e dar servizo aos núcleos de Vilacide de Abaixo e Berdomás.

A maiores, completarase a rede de saneamento na Estación de Oroso, con separación de augas residuais e pluviais, e instalarase un sistema de dous grupos de bombeo nas zonas máis baixas do núcleo rural para poder derivar as augas residuais verquidas ao sumidoiro ata a depuradora de Oroso, situada a 800 metros. Veiras Rey sinala que “cando hai un par de anos construimos as beirarrúas na Estación de Oroso, xa deixamos a infraestrutura colocada á espera de dispoñer dos grupos de bombeo. Así non haberá que volver picar na zona, con conseguinte aforro de molestias para os veciños da zona e tamén de cartos para toda a veciñanza”.

As obras están financiadas con cargo ao Plan de Cooperación da Deputación Provincial da Coruña. O prazo de presentación de ofertas remata dentro de 26 días naturais, a contar dende o día seguinte ao da publicación do último anuncio no BOP, no DOG ou no perfil do contratante. As ofertas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Oroso.