subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso destinará 318.000 euros máis a axudar ás familias, pemes e autónomos


orosoO Concello de Oroso ten previsto inxectar case 318.000 euros máis na economía local para axudar ás familias con rebaixas fiscais e para reactivar a actividade das pemes e autónomos máis afectados pola pandemia do coronavirus.

En concreto, o concello convocou dúas sesións extraordinarias da comisión de contas e do pleno municipal os próximos días 14 e 19 deste mes para darlle luz verde a varias medidas fiscais no ano 2021, entre as que están unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos.

Por outra parte, tamén haberá unha bonificación de ata un 75% no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana a título lucrativo por causa de morte a favor de descendentes e cónxuxes.

Todas estas medidas fiscais terán un impacto de 177.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas de Oroso para os seus gastos.

En segundo lugar, o concello acolleuse ao programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, do que se van beneficiar os autónomos e os establecementos de comercio e hostalería que tiveron que interrumpir a súa actividade polo confinamento e o estado de alarma.

Serán 140.761 euros para Oroso que poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da Covid-19, compra e instalación de biombos, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes. As axudas aos negocios oscilarán entre os 1.500 e os 3.000 euros, en función dos traballadores que teñan ao seu cargo.

“Son medidas e bonificacións que suporán unha redución de ingresos para o concello superior aos 300.000 euros, pero consideramos que é moi necesario; dentro das nosas competencias, temos que facer todo o posible para axudar á veciñanza e grazas a unha boa xestion dispoñemos dunhas contas saneadas para afrontar estas iniciativas”, asegura Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

Este paquete de medidas únese a outras tomadas desde o comezo da pandemia, como o reparto gratuíto de 15.000 máscaras e material EPI (hidroxel e luvas), ou a desinfección do centro de saúde, os espazos públicos e os arredores dos establecementos esenciais, que supuxeron un investimento por parte do concello de 100.000 euros.