subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O pleno de Oroso demanda ao conxunto das administracións que "cumpran co Concello"


orosoO Concello de Oroso celebrou hoxe un pleno ordinario que serviu como unha reivindicación ao conxunto das administracións, a través de varias mocións, para que cumpran coas axudas e modificacións legais pendentes, facilitando a adopción de medidas destinadas a familias e empresas.

En concreto, o concello fai un novo chamamento “para que o goberno cambie dunha vez a lexislación e os concellos poidan invertir os fondos dos remanentes en beneficio da veciñanza”, afirmou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

O Concello de Oroso pechou o ano 2019 con superávit e un remanente de tesourería de 849.128,48 euros, unha situación que reflicte a boa xestión económica municipal, pero Mirás lamenta que “os veciños non poidan disfrutar de melloras que poderiamos executar con eses fondos, que están inactivos nas entidades financeiras”.

Noutra moción impulsada polo PSOE no pleno de hoxe, o seu portavoz, Antonio Leira, pediu que “a Xunta destine o 50% do recaudado polo canon de auga para usar eses cartos en medidas de axuda á economía local, sobre todo aos negocios máis perxudicados pola pandemia do coronavirus”.

“Os veciños e veciñas de Oroso fan un esforzo importante desde hai sete anos a través do canon da auga, pero o concello non recibiu nin un só euro dos máis de 700.000 recaudados pola Xunta”, lembrou Leira.

Por último, o concello pide á Consellería de Educación a segunda liña de ensino pendente no CEIP Camiño Inglés, máis necesaria que nunca na actual situación.

O Concello de Oroso lembra que, á espera de que as outras administracións cumpran, impulsou nas últimas datas un programa de conciliación que favorecerá a empresas e familias, e mañá presentará unha plataforma dixital gratuíta de apoio ao comercio local.