subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso reclamará a Fenosa e á Xunta unha solución aos microcortes de subministro eléctrico na Estación de Oroso, Vilacide de Abaixo e Vilacide de Arriba


Mirás di que é unha “incidencia impropia dos tempos que vivimos” e lembra que a solución pasa por que estas localidades reciban o subministro da subestación que dá servizo a Sigüeiro e non de Trazo.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, reuniuse con veciños e veciñas das localidades de Vilacide de Abaixo, Vilacide de Arriba e da Estación de Oroso, quen lle trasladaron as súas queixas polos múltiples microcortes de subministro eléctrico que sofren a diario dende hai máis dun ano. Mirás amosou o seu total apoio ás xustas reclamacións da veciñanza e comprometeuse a “seguir loitando para que se solucione unha incidencia impropia dos tempos que vivimos”.

Mirás Franqueira explica que o problema radica en que estas tres localidades “reciben o subministro eléctrico a través dunha liña que vén de Trazo, en vez da subestación que paradoxicamente está entre Vilacide de Arriba e Vilanova, é dicir, que que está a menos de 1,5 quilómetros”. Neste sentido, o alcalde considera que “é unha vergoña que tres localidades que están tan só a 2 quilómetros de Sigüeiro, da capital do municipio, teñan que sufrir estas molestias e problemas”.

De feito, os veciños e veciñas trasladáronlle ao alcalde orosán os prexuízos causados por estes microcortes de subministro eléctrico. “Estamos falando de cortes duns segundos, dun minuto e ata de 5 minutos”, apunta Manuel Mirás, “o que supón non só molestias a nivel doméstico senón tamén problemas con electrodomésticos como cafeteiras, lavadoras, televisións... e tamén causa graves problemas aos negocios da zona, como establecementos hostaleiros e granxas que vén como se lles estropea a súa maquinaria”.

Reclamacións

O alcalde orosán lembra que non se trata dunha situación nova, senón que xa en febreiro deste mesmo ano tanto o Concello de Oroso como os propios veciños e veciñas presentaron sendas queixas ante Unión Fenosa Distribución SA e ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria sen que polo momento serviran para solucionar a problemática. E é que, tal e como explican os veciños na súa denuncia, no ano 2015 producíronse 3 interrupcións abonables de 0,74 horas de duración que, no 2016, ascenderon a 18:18 horas.

A propia Xunta deulles a razón aos veciños e instou a Unión Fenosa Distribución SA a “subsanar nun prazo de seis meses as causas que motiven as continuas interrupcións de subministración dos reclamantes” ou a presentar un plan para a súa solución no caso de que fose un caso de alta complexidade técnica.

A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria incluso estima a reclamación presentada pola veciñanza e considera que “as interrupcións de subministración denunciadas superan os valores normalmente establecidos para ser consideradas como incumprimento da calidade de subministración individual no ano 2016, xa que nese ano a duración das interrupcións abonables foi de 18,18 horas” e insta a Fenosa á “aplicación dos descontos correspondentes nas facturacións dos veciños”.