subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso reestrutura as competencias delegadas nos concelleiros para mellorar a xestión e a atención veciñal.


Antonio Leira asume as competencias en Urbanismo e Ordenación do Territorio, que o alcalde Manuel Mirás cede por primeira vez nos últimos dezaseis anos.
Vanesa Boo suma as competencias en comercio, Beatriz Rodeiro as de escolas infantís, Eduardo Veiras incorpora limpeza viaria e parque móbil e Luís Rey recolle voluntariado.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, vén de decidir unha reestruturación das competencias delegadas no seu equipo de Goberno, unha decisión coa que pretende axilizar a xestión das distintas áreas municipais e mellorar a atención que reciben os veciños e veciñas do concello. Mirás Franqueira indica que “o cambio de maior envergadura é que por primeira vez nos últimos dezaseis anos, e logo de sacar adiante o Plan Xeral e seis modificacións puntuais, vou ceder as competencias en materia de Urbanismo e Ordenación do Territorio nunha persoa da miña máxima confianza como é Antonio Leira”.

Mirás Franqueira explica que “as miñas responsabilidades como alcalde, como vicepresidente da Fegamp, como membro da xestora do PSdeG e a actividade na miña propia empresa fan que cada vez teña máis responsabilidade e considero que unha área tan importante como Urbanismo e Ordenación do Territorio precisa dunha atención máis continua, sobre todo nun municipio en crecemento como é Oroso”. Sobre a elección de Leira Piñeiro, o alcalde orosán apunta que “escollín a unha persoa que traballou canda min na elaboración do Plan Xeral e que estivo presente cando fixemos as distintas modificacións puntuais, polo que coñece á perfección estas áreas”.

A asunción das áreas de Urbanismo e Ordenación do Territorio suporán a reestruturación da Concellería que ata o momento dirixía Antonio Leira, que cederá as súas competencias en Comercio, Voluntariado, Protección Civil e Limpeza Viaria; ao tempo que asumirá as de Mobilidade, Patrimonio e Turismo. “Neste caso tratamos de aproveitar as sinerxias de Leira como deputado provincial, onde é o máximo responsable en materias como a promoción turística do Camiño Inglés”, explica Mirás Franqueira.

Reparto de competencias

O resto das Concellerías orosán asumirán as competencias que cederá Antonio Leira ao asumir a área de Urbanismo e Ordenación do Territorio. “Vanesa Boo sumará as competencias en Comercio, unha área na que ten unha gran experiencia e onde é a persoa que puxo en marcha iniciativas de tanto éxito como o Concurso de Tapas, o Concurso de Escaparatismo ou distintas iniciativas de promoción do comercio local”, explica Mirás Franqueira. Pola súa banda, Beatriz Rodeiro recollerá a competencia en materia de Escolas Infantís, anteriormente dependente da Concelleira de Cultura; mentres que Luís Rey asumirá as competencias en voluntariado, anteriormente dependentes de Antonio Leira. “Considero que é moito máis lóxico que as garderías sexan xestionadas dende a Concellería de Ensino e que o voluntariado dependa da Concellería de Xuventude pois penso que deste xeito aproveitaremos sinerxias e melloraremos a atencións aos nosos veciños e veciñas”. Finalmente, o concelleiro responsable de Obras e Medio Ambiente, Eduardo Veiras, sumará ao seu departamento as competencias en materia de Limpeza Viaria e Parque Móbil.

Deste xeito, a remodelación das competencias no Concello de Oroso queda do seguinte xeito:

- Antonio Leira Piñeiro: Urbanismo e Ordenación do Territorio, Mobilidade, Patrimonio e Turismo.
- Vanesa Boo Martínez: Réxime Interior, Persoal, Turismo, Atención ao Maior, Comunicación, Protocolo e Coordinación.
- Luís Rey Villaverde: Deportes, Cultura, Xuventude, Voluntariado, Emprego e Promoción Económica.
- Beatriz Rodeiro Fernández: Benestar Social, Ensino, Atención ao Menor e Escolas Infantís.
- Eduardo Veiras Rei: Obras e Servizos, Medio Rural, Medio Ambiente, Parque Móbil, Limpeza Viaria e Relacións Veciñais.
- María del Carmen Liste Raña: Muller, Sanidade, Parroquias e Piscina Municipal.

Todas as demais competencias que non se atopan recollidas nestas delegacións quedan baixo a responsabilidade directa do alcalde, Manuel Mirás Franqueira.