subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Aprobados os orzamentos de Oroso para 2016, que ascenden a 6,3 millóns, medran un 21% e duplican os investimentos


O alcalde Manuel Mirás salienta “o macroinvestimento” de 2,33 millóns de euros deste ano “nun concello económicamente sostible”

orosoO Concello de Oroso aprobou os seus orzamentos para 2016, que medran un 21% con respecto a 2015 e inclúen unha partida de 2,33 millóns de euros para investimentos reais, o que supón un incremento do 91% con respecto ao ano anterior. Uns orzamentos que contemplan un superávit de 48.404,85 euros, xa que o orzamento de gastos ascende a 6.322.557,25 euros mentres que o orzamento de ingresos é de 6.370.962,10 euros, e que foron aprobados polo pleno municipal cos 8 votos a favor de PSOE e BNG, as 4 abstencións do PP e 1 voto en contra de Anova.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, cualificou os orzamentos de 2016 como “macroinvestidores”, xa que destinan 2.338.021 euros a investimentos reais, un 91% máis ca no exercicio anterior. Ademais, indicou que “Oroso é un concello sostible económicamente. Non é que diga eu, son os números os que nos dan a razón: os ingresos correntes supoñen o 67% do orzamento fronte ao 61% do gasto corrente, a diferencia é de 375.000 euros”. Así mesmo, Mirás Franqueira aproveitou para anunciar que “imos ter un remanente positivo de Tesourería de en torno aos 300.000 euros, que serán destinados a novos investimentos en beneficio dos veciños e veciñas de Oroso”, polo que a partida de investimentos duplicaría a rexistrada en 2015.

Mirás considera que se trata “dun orzamento moi inversor, con investimentos sostibles que non traen gasto futuro ao Concello”. Entre estes proxectos destacan actuacións como os 200.000 euros para a reurbanización da avenida da Grabanxa, os 120.761 euros para a construción do Centro Cívico da parroquia de Oroso ou os 275.000 euros para dúas novas sendas peonís: de A Baiuca ata A Igrexa (na parroquia de Senra) e dende a rúa María Casares (Porto Avieira) ata o núcleo de Piñeirón (Gándara).

Na partida de orzamentos destacan especialmente os 560.000 euros destinados a insfraestruturas deportivas no municipio, que inclúen a construción de dúas pistas de tenis e unha pista de pádel cuberta, a dotación de céspede artificial para o campo de fútbol de Oroso, a reforma dos vestiarios do campo de fútbol Lino Balado e a mellora da iluminación nos campos de fútbol de Deixebre e Sigüeiro.

Así mesmo, resérvanse máis de 861.000 euros a actuacións na rede de estradas e seguridade viaria, como os 74.000 euros para o asfaltado da pista que vai a Mixoi dende o enlace a Castiñeiro Redondo, os 54.000 euros para mellora da calzada da rúa da Tosca (Sigüeiro), os 23.000 euros na mellora dos accesos ao Refuxio ou os 235.000 euros para mellora da rede viaria municipal. Entre es proxectos tamén destacan os 60.000 euros para as beirarrúas no lugar de O Barreiro e os 58.000 euros para a construción das beirarrúas na N-550.

Para actuacións en materia de saneamento e abastecemento, os orzamentos de 2016 contemplan un investimento de case 180.000 euros nos núcleos de Cachopal (Calvente), A Igrexa (Oroso), Valverde (Vilarromariz) e O Barreiro (Oroso). Os Orzamentos de 2016 contan cun informe de Intervención favorable e que cumpren cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto, límite de débeda e límite de gasto non financeiro.

O presuposto de gastos do Concello de Oroso para 2016 ascende a 6.322.557,25 euros, dos que un 61% (3.866.520 euros) destínanse a gasto corrente, 131.819 euros máis ca no exercicio anterior. Os gastos en persoal mantéñense nos 1.270.135 euros, o que representa o 19% do total.

O presuposto de ingresos ascende a 6.370.962,10 euros, un 22% máis ca no exercicio anterior. Desta cantidade, o 67% (4.240.114 euros) correspóndense con ingresos correntes, 85.492 euros máis ca no exercicio 2015. Oroso ingresará 1.783.496 euros de impostos directos, 119.760 euros de impostos indirectos, 669.900 euros de taxas e outros ingresos e 1.663.383 euros de transferencias correntes. As transferencias de capital ascenderán a 1,41 millóns de euros.