subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Mirás lamenta que as obras da saída sur da AP-9 non vaian estar listas ata o 2016 polo “desbaraxuste técnico e xurídico de Fomento”.


Cando se cumpre o mes establecido pola ministra de Fomento para a posta en servizo da infraestrutura, as obras seguen igual de paralizadas.

orosoCando se cumpre o prazo extraordinario establecido pola ministra de Fomento para a posta en servizo da saída sur da AP-9 en Sigüeiro, as obras de ampliación da ponte sobre a N-550 seguen como estaban hai dous meses: totalmente paralizadas por problemas burocráticos no Ministerio de Fomento. “A inauguración estaba prevista para hai dous meses e agora, por moi rápido que se fagan as obras, o atraso vai ser doutros tres ou catro meses porque non se avanza o mesmo no inverno que durante o verán e o outono”, lamenta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

O alcalde orosán amosa a súa preocupación porque “estamos falando dunha obra que se aprobou en 2011, que non comezou ata catro anos despois pola burocracia do Ministerio de Fomento e que agora ten as obras paralizadas dende hai dous meses por un desbaraxuste técnico e xurídico que non fai máis que atrasar unha infraestrutura moi necesaria e causar importantes molestias tanto aos condutores que pasan pola zona como, especialmente, aos veciños e veciñas que viven a carón da N-550”.

Mirás asegura que “a paralización destas obras é unha vergoña, especialmente cando era unha infraestrutura que empezou moi ben, que avanzou a moi bo ritmo e mesmo se falaba de que estaría rematada a finais de agosto. Agora imos incumprimento tras incumprimento e todo parece indicar que ata a primavera non vai estar operativa a saía sur da AP-9”. Isto é así porque as obras realizadas ata o de agora son inútiles sen a ponte sobre a N-550, que é por onde teñen que saír os vehículos procedentes de Santiago que queiran parar en Sigüeiro.

Durante este mes de prazo comprometido pola ministra de Fomento para a posta en servizo da saída sur da AP-9, tan só se avanzou na N-550, onde durante a primeira quincena se asfaltou o novo carril de baixada a Sigüeiro. Nesta última semana non se fixo avance ningún e as obras están paralizadas e sen ninguén traballando na zona.

Mirás Franqueira volve a instar á ministra de Fomento a que “resolva os desbaraxustes que ten no seu Ministerio, que están atrasando unhas obras que xa levan varios anos de atraso atribuíble única e exclusivamente ao Ministerio de Fomento. Non é de recibo que os veciños de Oroso teñan que estar sufrindo estas molestias por unha burocracia inoperante”.