subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso e Santiago recuperan o proxecto das Vías Verdes


Mirás e Noriega pediron melloras no Plan de Transporte Metropolitano

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, reuníuse en Compostela co seu homólogo de Santiago, Martiño Noriega. Un encontro no que repasaron os asuntos que teñen en común os dous municipios e amosaron o seu desexo de recuperar o proxecto das Vías Verdes entre Compostela e Oroso. Mirás e Noriega queren reactivar un acordo que fora asinado en 2008 entre os dous concellos e que tiña como obxectivo utilizar os camiños de ferro actualmente en desuso, para transformalas en rutas perfectas para a práctica do sendeirismo ou do ciclismo. Nos municipios de Compostela e Oroso existen 24 quilómetros destes camiños de ferro sen utilizar e que, unha vez acondicionados, terían un grande atractivo polo interese natural, paisaxístico e sociocultural.

Ademais, Martiño Noriega e Manuel Mirás amosaron o seu desexo de colaborar na posta en valor das beiras do Tambre e da Área Recreativa do Refuxio.

Os dous alcaldes falaron tamén do Plan de Transporte Metropolitano e coincidiron na frustración que existe polo seu mal funcionamento. Os alcaldes de Compostela e Oroso coinciden en que só hai dúas alternativas para mellorar a conectividade por autobús na comarca: procurar unha maior coordinación coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta ou estudar fórmulas de xestión entre os concellos, dentro do marco da legalidade.