subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás presenta o novo equipo de Goberno de Oroso, “unha mestura de experiencia con renovación e novos folgos”.


Unha das novas incorporacións, Vanesa Boo, asumirá a primeira tenencia de Alcaldía e levará o peso administrativo do municipio.

orosoO grupo de Goberno do Concello de Oroso reuniuse esta mañá para establecer ás áreas de goberno que lle corresponderán a cada un dos concelleiros, despois de que este sábado tomasen posesión dos seus cargos. “Se cando gañamos as eleccións dixen que había que empezar a traballar dende o día seguinte, agora non ía ser distinto e temos moitas cousas que facer para comezar a cumprir os nosos compromisos coa cidadanía”, explica Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

O novo grupo de Goberno conta con dúas novas incorporacións con respecto á lexislatura anterior: Vanesa Boo Martínez e Beatriz Rodeiro Fernández que, ademais de incrementar substancialmente o número de mulleres no Goberno (de unha a tres) tamén supoñen un significativo rexuvenecemento da corporación. De feito, Mirás considera que este equipo “é unha mestura de experiencia con renovación e novos folgos para traballar polos veciños e veciñas de Oroso”.

Distribución de competencias

Unha das novas incorporacións, Vanesa Boo Martínez, asumirá a primeira tenencia de Alcaldía, así como as áreas de “Réxime interior, persoal, turismo, atención aos maiores, comunicación, protocolo e coordinación”. “Encargarase de levar o peso administrativo do Concello”, explica o alcalde orosán, así como de facilitar a coordinación do resto de áreas de Goberno. Manuel Mirás, ademais da Alcaldía, mantén as mesmas competencias da pasada lexislatura: Economía, Facenda, Urbanismo e Ordenación do Territorio.

A segunda incorporación, Beatriz Rodeiro Fernández, asumirá as competencias en materia de “Ensino, benestar social e atención o menor”, que na pasada lexislatura asumira Antonio Leira Piñeiro quen “é o concelleiro que experimenta un cambio total nas súas responsabilidades, pois asume as competencias dun gran concelleiro como foi Pepe Castro”, explica Manuel Mirás. Así, Antonio Leira asumirá unha tenencia de Alcaldía e as delegacións de “Seguridade cidadá, protección civil, voluntariado, parques e xardíns, parque móbil, limpeza viaria, mobiliario urbano e comercio”.

Luís Rey Villaverde mantén a concellería de Deportes, ao tempo que asume varias competencias procedentes da “megaconcellería” que xestionou Leira Piñeiro durante a pasada lexislatura: Cultura, Xuventude, Escolas Infantís e Aula de Música; así como Emprego e Promoción Económica. Pola súa banda, María Liste Rañe mantén as competencias en Muller e Sanidade, ás que suma Parroquias. Por último, Eduardo Veiras Rey mantense como concelleiro de Obras e Servizos, sumando dúas competencias afíns como Medio Rural e Medio Ambiente, ademais de Relacións Veciñais.