subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Mirás: “estamos a favor da entrada de Ordes no transporte metropolitano pero o prioritario é que o servizo funcione ben na coroa de Santiago”.


 

“Estamos a favor da entrada de Ordes no sistema de Transporte Metropolitano pero consideramos que o prioritario é que o servizo funcione ben na coroa de Santiago e se resolvan os problemas que veñen padecendo os veciños e veciñas de Oroso nos últimos anos”. Así resume o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, a súa postura ante a votación dunha nova ampliación de municipios beneficiarios do Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela, momento no que abandonou a sesión tal e como anunciara este pasado luns.

Mirás indica que “a nosa abstención é unha protesta polo mal funcionamento do transporte metropolitano, froito das carencias coas que naceu hai dez anos ao non ter constituído un consorcio do transporte metropolitano e de permitir que moitos operadores actúen á súa maneira, como Mombús, que chega á hora que quere e cando lle dá a gana”. Para o alcalde orosán, o principal agora é resolver estes problemas dos concellos da coroa de Santiago e aposta por incorporar ao resto de municipios nun réxime distinto.

“Sempre defendín a conexión de Oroso con Ordes, xa que o fluxo de pasaxeiros entre ambos municipios é importante”, explica Manuel Mirás, “e non me opoño a que Ordes entre no sistema de transporte metropolitano, o que non comparto é a idea de que entren outros municipios moi afastados de Santiago e mesmo noutras provincias cando o servizo orixinal presenta tantas deficiencias”.