subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Mirás confírmalles aos veciños de Sigüeiro que as obras das beirarrúas na avenida de Compostela comezarán en tres semanas.


Durante os encontros co alcalde, Manuel Mirás confirmou que Fomento autorizou un paso de peóns nas inmediacións do novo colexio pero rexeitou a petición do Concello de instalar un semáforo de pulsador.

orosoMáis de medio cento de veciños e veciñas participaron no Encontro co Alcalde celebrado no centro cultural de Sigüeiro, no que o alcalde Manuel Mirás anunciou que “nun prazo de tres semanas empezaremos as beirarrúas na avenida de Compostela para mellorar a seguridade viaria no acceso ao novo colexio e se vai pintar un paso de peóns nas inmediacións para que non se teña que dar tanta volta”. O alcalde orosán explicou que o Ministerio de Fomento xa autorizou estes traballos e a colocación dun novo paso de peóns, así como de sinalización vertical para limitar a velocidade na zona. Sen embargo, a petición dun semáforo de pulsador, realizada polo Concello de Oroso, non foi autorizada.

Durante o encontro, os veciños e veciñas tiveron ocasión de trasladarlle ao alcalde as súas dúbidas e propostas para a mellora da capital municipal. As defecacións dos cans nos espazos públicos volveron ser as protagonistas do encontro, no que varios veciños se queixaron da falta de civismo dalgúns conveciños que non recollen as deposicións das súas mascotas. Manuel Mirás explicou que se trata dun caso de “falta de civismo, pois quen temos cans sabemos que un can ben ensinado non ten que facer as súas necesidades pola rúa”. Ademais, indicou que o Concello de Oroso dispón dunha ordenanza sobre a cuestión e que xa se deu traslado á Policía Local para que estea máis alerta nestas cuestións.

Un grupo de veciñas solicitou un local para poder realizar manualidades e outras actividades, xa que pertencen a un grupo de idade que non ten local específico, pois non pertencen nin á mocidade nin á terceira idade. O alcalde comprometeuse a estudar esta petición. Así mesmo, os veciños tamén agradeceron que o Concello ceda ao colexio o polideportivo municipal para que poidan facer ximnasia, pero solicitaron a instalación dun paso cuberto que evite que os rapaces se mollen. Mirás explicou que “xa o pedimos a Educación e respostaron que non é necesario, polo que imos ver se o novo conselleiro é máis receptivo”. Neste sentido, o alcalde orosán indicou que “probablemente, ao final terá que facelo o Concello, pois xa estamos facendo moitas cousas no colexio que non nos corresponden pero que facemos polo benestar dos nosos fillos e netos”.