subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Manuel Mirás celebra este venres un “Encontro co alcalde” cos veciños e veciñas de Porto Avieira no local social da Gándara.


 

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, celebrará este venres 13 de febreiro unha nova edición do “Encontro co alcalde”, que nesta ocasión terá como protagonistas aos veciños e veciñas de Porto Avieira (Gándara). Un encontro que terá lugar no local social da Gándara ás 20:30 horas.

A falta de concretar un próximo encontro cos veciños da Gándara, os “Encontros co alcalde” completarán así a súa segunda volta polas distintas parroquias orosáns, onde reúne a entre 40 e 80 veciños de cada vez. Dende que o local social de Trasmonte acollera o primeiro destes encontros, aló polo 15 de abril de 2012, preto dun milleiro de veciños e veciñas teñen participado nunha iniciativa “pensada para achegarse dun xeito máis directo aos veciños e respostar ás súas preguntas e inquedanzas”, explica o primeiro edil orosán.

Neste sentido, Manuel Mirás valora moi positivamente este tipo de reunións xa que “nos permiten dialogar cos veciños, intercambiar opinións, coñecer as súas propostas e ideas nun ambiente máis próximo a eles e lonxe da formalidade que podería ter, por exemplo, unha visita á Casa do Concello”. Este venres 13 de febreiro, os veciños de Porto Avieira terán ocasión de expoñerlle as súas dúbidas e peticións ao alcalde orosán.