subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inclúe a traída de auga á parroquia de Calvente nos orzamentos de 2015.


O alcalde Manuel Mirás reuniuse cos veciños e veciñas desta parroquia, quen lle pediron varias melloras na contorna da igrexa

oroso"O orzamentos para 2015, que levaremos a pleno nos próximos días, inclúen a traída de auga a Calvente, que podería estar lista entre os meses de abril e setembro do ano que vén". Así o anunciou onte domingo o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, durante un encontro cos veciños e veciñas da parroquia de Calvente, no que estivo acompañado polos concelleiros de Relacións Veciñais, Luís Rey; Medio Rural, Xaime Carneiro; Cultura, Antonio Leira; e Muller, María del Carmen Liste.

Mirás explicoulles aos veciños e veciñas que para o 2015 contarán coa traída de auga, se ben puxo especial énfase na necesidade de que despois se vaian enganchando os distintos fogares para poder así optimizar este importante investimento na parroquia. Así mesmo, o alcalde orosán tomou nota das peticións dos veciños e veciñas de Calvente, que lle solicitaron varias actuacións na contorna da igrexa como a recuperación dunha fonte e dun antigo lavadoiro, a necesidade de incrementar a zona para aparcar a carón do templo e, sobre todo, a posibilidade de abrir un camiño que facilite a circulación pola zona.

Camiño de acceso

Tras comprobar cos veciños e veciñas por onde discorrería ese camiño, Manuel Mirás aceptou a demanda veciñal e comprometeuse a abrir e asfaltar un camiño que permitirá que os vehículos que se dirixan á igrexa teñan un vial de entrada e outro de saída cara a estrada principal, evitando así que teñan que facer un cambio de sentido na vía actual. Unha actuación que tamén mellorará a seguridade viaria na zona, onde a veciñanza amosou a súa preocupación polo exceso de velocidade dalgúns vehículos.

Finalmente, Manuel Mirás pediu a colaboración dos presentes para manter libres de terra as cunetas das vías municipais, especialmente durante a realización dos traballos agrícolas. O alcalde orosán explicoulles que a limpeza desas cunetas representa un custe importante para o Concello de Oroso e que, coa colaboración de todos, se podería reducir, quedando máis fondos dispoñibles para a realización doutros investimentos en beneficio dos veciños e veciñas de Calvente.