subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

II Concurso de escaparatismo de Nadal.


Primeira.- Obxectivos
Esta iniciativa ten como obxecto premiar o esforzo dos/as participantes no coidado da imaxe comercial dos seus establecementos.

Segunda.- Requisitos dos/as participantes
Poderán participar no concurso de escaparates os/as titulares dun establecemento comercial no termo municipal de Oroso.

Os escaparates deberán de estar preparados ás 19.00h do venres 15 de decembro, momento a partir do cal o xurado poderá realizar a súa visita. Os escaparates non poderán desmontarse antes do 7 de xaneiro de 2017, co obxecto de que poidan contemplarse durante as festas de Nadal.
Os comercios participantes están obrigados a manter o escaparate iluminado e nas condición que lle permitan ao xurado valoralo no seu conxunto, así como manter a iluminación, polo menos, ata as 22.00h dos días de Nadal establecidos nas bases.

Terceira.- Prazo de presentación de solicitudes e documentación
As solicitudes de participación presentaranse mediante o modelo do anexo I, que deberá ir acompañado dos seguintes documentos:
1. Copia do NIF do/a solicitante, no caso de ser persoa física.
2. CIF da entidade, no caso de tratarse dunha persoa xurídica.
3. Declaración responsable de non estar incurso/a en causa que impida ser beneficiario/a de subvencións públicas e de estar ao corrente das obrigas tributarias e da Seguridade Social (anexo II).

Os impresos (anexos I e II) estarán á disposición dos/as interesados/as na páxina web e no Rexistro Xeral do Concello, onde poderán presentarse as solicitudes dende o día 4 de decembro ata o día 15 de decembro, ambos os dous incluídos, en horario de luns a venres de 08.30h a 14.00h.

Cuarta.- Órgano competente para a instrución e resolución
O órgano instrutor do procedemento será a concelleira delegada de Comercio.
O órgano competente para resolver será a Xunta de Goberno Local.

Quinta.- Criterios de valoración
O tema para desenvolver será alegórico co ambiente propio das Festas de Nadal e valoraranse as candidaturas tendo en conta especialmente os seguintes criterios:
a) Calidade artística
b) Composición
c) Iluminación
d) Utilización de elementos tradicionais do Nadal
e) Orixinalidade do escaparate
f) Uso do galego
g) Esforzo e dedicación do/a promotor/a no resultado
h) Utilización do produto que se comercializa na composición do escaparate

Sexta.- Xurado
O xurado estará integrado polos seguintes membros:
- Un/unha representante da hostalería local
- Un/unha representante da Mesa de Comercio local
- Tres representantes do Concello de Oroso

Sétima.- Dotación dos premios
Concederanse tres premios e distribuiranse do seguinte xeito entre os proxectos que obteñan unha maior puntuación segundo o ditame do xurado:
-Primeiro premio: 300 euros.
- Segundo premio: 200 euros.
- Terceiro premio: 100 euros.

De cada escaparate participante colgarase unha fotografía no perfil de Facebook oficial do Concello de Oroso, e abrirase un prazo de votación entre o 15 de decembro de 2017 e o 4 de xaneiro de 2018. O escaparate que acade máis “gústames” será agasallado cunha cea nun restaurante do concello.

Entre todas as persoas que voten en Facebook, facendo clic en “Gústame”, sortearase un vale por unha cea para dúas persoas nun restaurante do termo municipal.

As decisións do xurando serán inapelables e adoptaranse por maioría simple. O acto de entrega dos premios será o día 10 de xaneiro de 2018 ás 21.00h no salón de plenos do Concello de Oroso. Avisarase a todos os comercios participantes, así coma aos gañadores, mediante unha chamada telefónica e a publicación da información na páxina web do Concello.

Oitava.- Protección de datos
Os datos de carácter persoal recollidos na documentación entregada polos/as participantes serán tratados en conformidade coa Lei orgánica 15/99, de protección de datos de carácter persoal, e normativa acorde. Estes datos recóllense temporalmente coa finalidade de valorar as candidaturas á convocatoria de premios.

Novena.- Aceptación
A concorrencia nesta convocatoria supón a plena aceptación destas bases.

Décima.- Publicidade
Na publicidade dos premios deberán constar os logotipos do Concello de Oroso. A comunicación privada que realicen os establecementos en relación con esta iniciativa deberá incluír tamén os referidos logos, sempre que sexa comunicación en medios visuais.

Undécima.- Normativa aplicable
Para todo o non previsto expresamente nestas bases, aplicarase a Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e a Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


ANEXO I: Solicitude de inscrición.
ANEXO II: Declaración responsabilidades.