subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso únese á campaña provincial #seresentir co motivo do Día da Diversidade Sexual!


orosoPalestra: Tratamento informativo do colectivo LGTBQI+ nos medios de comunicación con Ángela Fernández, Daniela Ferrández e Bárbara G. Vilariño.

"Por desgraza sigue habendo moitos estereotipos, moito tratamento non real e moita linguaxe non ben utilizada. O colexio ten unha guía de linguaxe inclusiva na que está este colectivo e outros moitos e aínda hai traballo por facer [...]

Hai que afinar moitísimo os discursos, afinar a linguaxe, o tratamento e sobre todo, os estereotipos. Rachar con eses estereotipos, e digamos tamén facer mención, cando hai que facer mención á identidade e orientación sexual das persoas protagonistas das novas" Ángela Fernández, xornalista, docente e vecenllada desde hai uns anos ao Colexio De Xornalistas.

Balcóns da Diversidade



Con motivo do 28 de xuño, Día das Diversidades Sexuais, desde a Deputación da Coruña organizamos o concurso "Balcóns da Diversidade".

Para participar é preciso que publiques en Facebook unha imaxe do teu balcón/fiestra decorada coas cores do arco da vella (debuxos, bandeiras... ou calquera outro formato artístico), entre o 12 e o 28 de xuño, empregando o cancelo #seresentir.
A foto que máis "me gustas" obteña recibirá os seguintes agasallos:
Camiseta e bolsa de tea de Liberdade de Ser e Sentir!
Disco “Deixaas” de Mercedes Peón.

Libro “Todo isto antes era noite” de Lucía Aldao.
Libro “Fóra do normal” de María Reimóndez.


Neste mes de xuño enchamos os balcóns e fiestras coas cores do arco da vella para reivindicar a liberdade de ser e sentir!.
Máis info no correo info@seresentir.gal e no FB da Deputación da Coruña.

Día da Diversidade Sexual



A Deputación da Coruña, a través da área de Igualdade, reiniciou esta mesma semana a campaña “Liberdade de ser e sentir!” de cara a conseguir a máxima implicación social na celebración do Día da Diversidade Sexual do próximo 28 de xuño.

Na iniciativa integráronse 54 concellos da provincia, ademais de 6 asociacións que traballan pola igualdade e os dereitos lgtbqi+. A campaña, que utilizará o pechacancelas en redes #seresentir, reivindica o dereito á liberdade sexual e afectiva das persoas, ademais de lanzar unha mensaxe de tolerancia e respecto entre as persoas.

Alén da participación institucional, a web da iniciativa tamén está aberta á participación individual e doutras entidades coa descarga de material de difusión, palestras virtuais, a webserie “S.E.X.”, recomendacións de lectura para todas as idades e co concurso “Balcóns da diversidade” que arranca esta fin de semana.

Nesta edición a campaña terá unha maior difusión a través da rede, na que se buscará normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais con motivo do día internacional dos dereitos das persoas LGTBQI+ levaranse a cabo distintas accións que van desde a creación dunha plataforma, actividades para público infantil e adolescente, un concurso na rede e un ciclo de charlas que se difundirán nas redes sociais e na propia páxina do programa.

“Trátase dunha ambiciosa iniciativa coa que queremos implicar institucións e entidades para traballar conxuntamente nunha mensaxe de igualdade e de defensa da diversidade cun prama de actividades que buscará contribuír a sensibilizar contra a discriminación que aínda existe e que fornecerá materiais que poden ser utilizados tanto en centros de ensino como noutro tipo de entidades ou nas propias casas para educar en igualdade”, sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

A campaña difundirase a través da plataforma seresentir.gal na que se publicarán todos os contidos e recursos relacionados coa diversidade sexual, ademais de contar cunha área privada na que os concellos e entidades poderán acceder aos diferentes recursos da Campaña. Ademais, “Liberdade de ser e sentir!” ofrecerá contidos específicos para o público máis novo e, en concreto, a actividade “Planeta LGTB” achegará ás crianzas contacontos a cargo de Felipe Díaz (Caxoto) para reflexionar sobre riqueza da diversidade e sobre o colectivo LGTB.

En canto á adolescencia, a través da plataforma e as redes sociais difundirase a serie web S.E.X, da produtora Illa Bufarda que conta cun Premio Luísa Villalta das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña na súa segunda edición. A webserie está elaborada en colaboración con Aseia (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e conta tamén co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia, e trátase dun proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes.

O programa inclúe tamén o concurso nas redes sociais “Balcóns da diversidade!” co que se convida a todas aquelas persoas interesadas en participar a que envíen fotografías dos seus balcóns decorados coas bandeiras do arco da vella.

Charlas de temática LGTBQI

Ademais, a iniciativa incluirá unha serie de palestras temáticas LGTBQI centradas na diversidade sexual, para falar dos dereitos, das barreiras e das liberdades. En concreto, catro serán as charlas que se emitirán dentro do programa e xirarán arredor da diversidade sexual no deporte, na infancia e adolescencia, no tratamento informativo e na literatura. O programa inclúe as seguintes participantes:

-Visilibilidade LGTBQI+ no deporte, coa participación da Karateka Cristy Tojo e a xornalista Bárbara G. Vilariño.
-Diversidade sexual na infancia e na adolescencia, coa participación de Inés del Río (pediatra e forma parte do comité de bioética da Asociación Española de Pediatría), Noemí Díaz (Rede de apoio LGTBQI+ nas escolas galegas) e Enrique Latorre, filósofo e investigador da USC.