subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba uns orzamentos para o ano 2018 de case 6,9 millóns de euros e destina o 28% a novos investimentos.


“Aumentamos o gasto social sen subir impostos”, asegurou hoxe no pleno o alcalde Manuel Mirás.
O portavoz do PSdeG, Antonio Leira, destaca que “as contas deste ano son realistas, equilibradas e responsables”.

O Concello de Oroso aprobou hoxe nun pleno extraordinario un orzamento municipal para o ano 2018 de 6.867.713 euros, dos que destinará o 28% a novos investimentos (1.923.189 euros).

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destacou tamén na sesión plenaria “o incremento do gasto en servizos sociais, sobre todo en partidas como a de asistencia e axuda no fogar, sen ter que subir os impostos que pagan os nosos veciños e as empresas”.

No apartado de investimentos, destacan os traballos de mellora e acondicionamento do campo de fútbol de Oroso (502.530 euros); as obras na cuberta da piscina municipal (210.475 euros); o abastecemento de auga e saneamento en Piñeirón, parroquia de Gándara (210.586 euros); a ampliación da rede de abastecemento de auga nas parroquias (87.034 euros), e as melloras na rede viaria (400.000 euros).

Na defensa dos orzamentos, que saíron adiante sen ningún voto en contra, o portavoz do grupo municipal do PSdeG, Antonio Leira, destacou que “as contas deste ano son realistas e responsables, temos que estar moi satisfeitos pola subida dos investimentos nun momento de tantas restricións por parte do Goberno central”.

“Baixan os gastos e os pasivos financeiros, os gastos de persoal só supoñen un 21% no Concello de Oroso e poñemos en marcha bonificacións fiscais para atraer novos investimentos empresariais, sempre e cando xeren emprego”, engadiu Mirás.

Con respecto os orzamentos do ano pasado, o aumento é do 11,59%, “e temos agora mesmo un nivel de débeda moi baixo, o que nos permitirá mellorar nos próximos meses os servizos que merecen todos os veciños e veciñas de Oroso”, rematou o alcalde.