subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso amosa a súa disposición a colaborar na solución dos problemas de recollida de pluviais derivados da ampliación na explanada de peaxes da AP-9.


O Concello porá todas as facilidades para resolver unha problemática na que non ten responsabilidade, pero sempre que non implique unha carga económica para o municipio.

orosoO Concello de Oroso amosa a súa total disposición a colaborar na busca dunha solución dos problemas de recollida de pluviais derivados da ampliación na explanada de peaxes da AP-9, sempre que esta non implique unha carga económica para o municipio. Unha problemática que se reproduciu onte coa chegada da cicloxénese “Ana”, que anegou as parcelas próximas á entrada sur da AP-9 e mesmo chegaron a inundar algunhas rúas do polígono industrial de Sigüeiro.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, indica que “as relacións tanto co Ministerio de Fomento como coa concesionaria son boas pero aínda non hai unha solución ás augas pluviais procedentes da ampliación da plataforma de peaxe da autoestrada. Entendemos que é algo que se debe arranxar e dende o Concello estamos dispostos a dar todas as facilidades, sempre que non impliquen unha carga económica xa que se trata dun problema alleo ao Concello de Oroso”.

Neste sentido, compre indicar que a propia Augas de Galicia confirmou recentemente a tese mantida dende o principio polo Concello de Oroso: o aumento da explanación da autoestrada conleva un aumento nos caudais que aporta á súa drenaxe. Un incremento cuantificado en 1.312 litros por segundo, que se engaden aos 2.157 litros por segundo iniciais. Isto significa que, nunha situación extrema como a de onte, a plataforma da AP-9 verquese un caudal de 3.469 l/seg.

Esta situación provocou que a auga desbordara e baixara pola canle de recollida de pluviais do acceso da AP-9, asolagando os terreos anexos e mesmo chegando a baixar pola marxe esquerda da N-550 ata chegar ao polígono industrial de Sigüeiro, onde inundou algunhas rúas. Mirás lembra que xa advertira na sesión plenaria de maio de que podería darse esta situación: “a falta de recollida de pluviais non impedía a apertura do enlace pero xa avisaramos que esa zona da N-550 non tería capacidade para recoller tanta auga en días como o de onte domingo”.

Por todo iso, o Concello de Oroso entende que Audasa deberá optar por unha actuación dentro do seu ámbito de actuación mediante a implementación de solucións que regulen ou amortigüen o caudal verquido, tal e como recolle Augas de Galicia no seu informe.