subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A práctica totalidade dos comercios, bares, restaurantes e empresas de Oroso sumouse á campaña “En negro, contra a violencia”.


A concelleira da Muller, María Liste, reiterou “o compromiso do Concello de Oroso para erradicar a violencia contra a muller e o noso firme rexeitamento de quen exerce, silencia ou é cómplice da violencia”.

orosoCase un centenar de comercios, bares, restaurantes e empresas e negocios de Oroso sumáronse á campaña “En negro, contra a violencia”, unha iniciativa á que este ano se adheriu o Concello de Oroso canda outros 75 municipios. Unha iniciativa que busca tinguir de negro o municipio en sinal de loito por todas as mulleres que sofren violencia machista.

Durante a lectura do manifesto institucional, a concelleira de Muller, María del Carmen Liste, agradeceu “a gran implicación do comercio orosá, en especial da asociación Sigüeiro Vende, pois conseguimos que a práctica totalidade dos comercios, bares, cafeterías, restaurantes, tendas de alimentación e incluso moitas empresas e negocios se sumaran a esta campaña en contra dunha lacra social como é a violencia contra as mulleres”. Así mesmo, lamentou que a tan necesaria choiva deslucira a programación prevista, “en especial cos nosos nenos e nenas, que son cos que máis hai que traballar se queremos chegar a unha verdadeira igualdade de xénero, e que ían conformar un lazo contra a violencia na Praza Isaac Díaz Pardo pero non puideron polo mal tempo, que tamén obrigou a atrasar ao vindeiro martes a representación dunha obra sobre o empoderamento das mulleres”.

Manifesto

A choiva obrigou a trasladar ao salón de Plenos a lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero, un acto no que participaron máis de corenta persoas, entre funcionariado, persoal laboral e veciños e veciñas. Liste Raña reiterou “o compromiso do Concello de Oroso para erradicar a violencia contra a muller e o noso firme rexeitamento de quen exerce, silencia ou é cómplice da violencia”. Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, recoñeceu que “a violencia contra as mulleres é unha lacra que se instalou na sociedade e contra a que temos que loitar todos e todas ata chegar á tolerancia cero coa violencia” e amosou a súa satisfacción pola campaña “Oroso en negro” pois “creo que este ano se chegou a moita máis xente”.

Durante esta semana, o Concello de Oroso repartiu mochilas negras coas lendas “Non es o meu dono”, “Sempre libre e viva”, “Si é si. Non é non” ou “Contra a violencia” entre todo o alumnado do municipio (IES de Oroso, CEIP de Sigüeiro, CPI do Camiño Inglés e Centro Rural Agrupado). O próximo martes 28 de novembro, ás 10:00 e ás 11:30 horas, o alumnado de educación infantil asistirá ás dúas sesións teatrais de “O Cardume” que se tiveron que aprazar hoxe polo mal tempo. Trátase dun espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo onde as personaxes traballan en conxunto para acadar os seus soños, promovendo valores como a cooperación, a solidariedade, a axuda mutua, a igualdade ou a equidade.